A Deputación adxudica por 241.000 euros as obras de pavimentación dos tres primeiros quilómetros da estrada DP-0106, entre Carral e Abegondo
Os traballos acometeranse do PQ 0+000 ao 3+170 e faranse primeiro por unha marxe e posteriormente pola outra para poder manter sempre o servizo nun dos dous carrís
O prazo de execución previsto para estas obras é de tres meses
A Deputación da Coruña adxudicou por 240.911,70 euros as obras de renovación do pavimento da estrada provincial DP-0106 entre os puntos quilométricos PQ 0+000 e 3+170, no límite dos concellos de Abegondo e Carral.
Os traballos, incluídos no Plan de Conservación de Estradas, inclúen o despexe e limpeza de cunetas, a poda das árbores que supoñan risco para a seguridade viaria e o posterior asfaltado destra tramo vía, xunto coa reposición da sinalización horizontal e das tapas de rexistro e pozos.
Para evitar cortes da estrada, os traballos realizaranse primeiro por unha marxe e posteriormente pola outra.
O prazo previsto para a execución destas obras é de tres meses.