A Deputación inviste preto de 1 millón de euros na primeira fase da ampliación da estrada DP-3903, en Irixoa
Nesta primeira actuación executarase o tramo que corresponde á saída do núcleo de Vilamateo
Ampliarase a vía, pasando dos catro metros actuais de ancho a oito metros con carrís de 3,5 metros e beiravías de 0,5 metros
A Deputación da Coruña levará ao pleno do vindeiro 23 de xuño aprobación un investimento de 962.248,75 euros para levar a cabo a primeira fase das obras de ampliación da estrada provincial DP-390, que conecta os concellos limítrofes de Vilarmaior e Irixoa. O proxecto vén de ser aprobado na comisión de Vías e Obras que preside o deputado José Manuel Pequeño Castro.
Debido ás características da estrada desde o PQ 0+000 ao PQ 6+4910 que é estreita e que conta cun ancho medio de catro metros, nalgunhas zonas faise difícil o cruzamento de vehículos. Por iso, decidiuse acometer un proxecto de mellora da seguridade viaria neste tramo, chegando á conclusión de que se debe executar en diferentes fases.
Nesta primeira fase actuarase no tramo comprendido entre o PQ 4+640 e o PQ 6+490, que corresponde á saída do núcleo de Vilamateo, onde a estrada provincial a dispón dunha calzada ampliada e beirarrúas ao longo do citado núcleo.
Os traballos a levar a cabo consistirán na ampliación da calzada, pasando dos catro metros actuais de ancho a oito metros con carrís de 3,5 metros de ancho e beiravías de 0,5 metros. Ademais, mellorarase a intersección existente cunha vía municipal no PQ 6+100 onde se aproveitará tamén para facer unha mellora puntual do trazado.
As obras, segundo explicou Pequeño, producirán unha mellora notable na seguridade do vial, que conecta os municipios de Irixoa e Vilarmaior.