A Deputación adxudica por 1,3 millóns as obras de mellora da seguridade na estrada DP 9203 de Caxadas a Baíñas, en Vimianzo
Trátase do maior investimento programado pola área provincial de Vías e Obras neste ano
As obras, que comezarán este verán, inclúen a construción de case dous quilómetros de senda peonil e a modificación do trazado para eliminar as curvas perigosas existentes no núcleo de Padreiro
A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 1.335.098,88 euros as obras de ampliación e mellora da seguridade da estrada provincial DP 9203 de Caxadas a Baíñas, en Vimianzo.
As obras permitirán construír unha senda para peonil de case dous quilómetros de lonxitude e mellorar o sinuoso trazado actual da vía no núcleo de Padreiro, que presenta curvas perigosas nas que se rexistra unha elevada sinistralidade.
A necesidade de acometer unha mellora integral da seguridade deste vial foi unha das cuestións prioritarias que a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, trasladou ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, ao inicio do actual mandato.
Os traballos, que comezarán este verán e teñen un prazo de execución de 11 meses, permitirán á veciñanza das vivendas lindeiras coa DP 9203 dispor dun novo itinerario peonil accesible e seguro e que os máis pequenos tamén poidan acceder con seguridade ao bus escolar que para na zona.
A senda, de 1,80 metros de ancho e 0,5 de beiravía, discorrerá durante case 2 quilómetros desde o punto quilométrico 0+000 ata o 1+940. A plataforma incluirá ademais unha nova estrutura ao paso do río Castro, onde a existente carece de capacidade para desaugar necesaria.
O proxecto tamén inclúe tamén a mellora do trazado da estrada no punto quilométrico 4+500, actualmente moi sinuoso, con curvas de radio reducido á altura do núcleo de Padreiro de Abaixo. A través desta medida preténdese que o radio mínimo sexa de 250 metros, cunha sección de plataforma de sete a nove metros pavimentado con mestura bituminosa en quente.