Estás en:Novas

A Deputación apoia con 120.000 euros o mantemento da casa de acollida e dous pisos para mulleres vítimas da violencia machista no Concello da Coruña

O presidente Valentín González Formoso e a alcaldesa Inés Rey asinaron hoxe o convenio de colaboración, nun acto no que tamén estiveron presentes a deputada de Igualdade, María Muíño, e a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira

A área de Igualdade da Deputación financia as Casas de Acollida de Ferrol, Culleredo e A Coruña, e o fogar infantil Emilio Romay, co obxectivo de fortalecer un servizo de atención esencial para afrontar a situación que xera esta lacra social

Formoso e Rey tamén asinaron os convenios para a cesión do uso dos pavillóns polideportivo do IES Rafael Puga Ramón e do IES Rosalía Mera

A Deputación apoia con 120.000 euros o mantemento da casa de acollida e dous pisos para mulleres vítimas da violencia machista no Concello da Coruña

A Deputación da Coruña mantén, outro ano máis, a súa colaboración no financiamento dos gastos de mantemento da casa de acollida e de dous pisos de inclusión e transición á vida autónoma para mulleres que sofren violencia de xénero no Concello da Coruña, reforzando así un servizo social esencial.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinaron esta mañá na sede provincial o acordo a través do que a Deputación achega este ano 120.926,27 euros, o 27,54% dos gastos de mantemento destes espazos que dan atención ás vítimas da violencia de xénero e ás e aos menores dependentes delas. Ao acto asistiron tamén a deputada de Igualdade, María Muíño, e a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira.

Convén lembrar que a Deputación, a través da área de Igualdade, colabora cos gastos de persoal e correntes, entre os que se inclúen produtos alimenticios, farmacéuticos, roupa ou axudas ao transporte, entre outros.

A casa de acollida da Coruña e os dous pisos pertencen á Rede Galega de Acollemento e constitúen un recurso de estadía temporal, atención e recuperación para as mulleres vítimas da violencia de xénero, así como para os e as menores ao seu cargo. O espazo permite a estas persoas, en situación vulnerable, recibir apoio, información e asesoramento en materia social, xurídica e psicolóxica, así como apoio para a súa reinserción laboral.

Valentín González Formoso destacou que a Deputación financia as Casas de Acollida de Ferrol, Culleredo e A Coruña, que dan servizo ao conxunto da provincia co obxectivo de fortalecer uns servizos esenciais para afrontar a situación que xera a lacra social da violencia de xénero. O número total de prazas que ofrecen ascende a 48,26 delas na Coruña (15 na casa e 11 nos pisos), 15 en Ferrol e 7 en Culleredo.

"Esta rede provincial de Casas de Acollida desenvolve un papel fundamental na atención a un colectivo especialmente vulnerable como é o das mulleres que sofren a violencia de xénero en momentos especialmente complicados das súas vidas nos que precisan toda a protección, apoio e acompañamento que podamos ofrecerlles como sociedade", afirmou o presidente da Deputación.

Formoso tamén lembrou que, neste sentido, a Deputación "tamén colabora no financiamento do Fogar Infantil Emilio Romay da Coruña, que dá servizo a menores en situación de desamparo ou de marxinación que, por diferentes causas, non poden ver cubertas todas as súas necesidades na súa propia familia".

A deputada de Igualdade, María Muíño, puxo o acento "na importancia de sumar esforzos no financiamento de recursos deste tipo dotándoos de estabilidade, por ser imprescindibles na atención a mulleres que son vítimas de violencia de xénero". Neste sentido, quixo salientar que "desde a área de Igualdade estamos a traballar para que recursos deste tipo sexan cada vez menos necesarios, complementando a nosa acción política con outras iniciativas encamiñadas á prevención, concienciación e educación en igualdade".

Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey sinalou que a firma destes catro convenios permite a mellora da calidade na atención social da cidade: "É fundamental que as administracións colaboremos para dotar dun mellor servizo á cidadanía, especialmente naqueles espazos e servizos dirixidos aos colectivos máis vulnerables como a Casa de Acollida e o Fogar Infantil Fernando Romay". "Con estes convenios reforzamos o noso compromiso co atención social na cidade, ampliando a calidade dos servizos de catro centros claves para o desenvolvemento social e educativo da Coruña".

Cesión dos pavillóns da Deputación na Coruña

Valentín González Formoso e Inés Rey tamén rubricaron hoxe a firma dos convenios polos que a Deputación da Coruña cede ao Concello da Coruña, ata o mes de xuño do ano 2023, o uso dos pavillóns polideportivo do IES Rafael Puga Ramón e do IES Rosalía Mera para que poida levar a cabo nestes espazos as actividades deportivas municipais.

Este acordo non interferirá co funcionamento habitual dos centros educativos xa que se establece un horario de ocupación das instalacións de 18:30 a 00:00 horas, de luns a venres, para o pavillón do IES Rafael Puga Ramón e desde as 19 horas para o IES Rosalía Mera. Durante a fin de semana non haberá limitacións sempre que a actividade non resulte incompatible coas dos institutos. Ademais, o persoal municipal designado polo Concello encargarase de cumprir os protocolos de uso deportivo e limpeza das instalacións vixentes en cada momento.

Os pavillóns polideportivos do IES Rafael Puga Ramón e do IES Rosalía Mera contan cunha pista cuberta que dispón de sinalización con dimensións regulamentarias para a práctica de deportes como voleibol, baloncesto, balonmán, fútbol sala e tenis.