A Deputación adxudica as obras de mellora da seguridade do cruce de Landoi, en Cariño, que comezarán este verán
O proxecto inclúe a modificación do trazado da estrada de Landoi para aumentar a visibilidade na intersección
A Deputación inviste 379.000 euros na DP 6121 de Mera a Cariño para construír un carril central de espera e desdobrar o esquerdo, facilitando así as incorporacións
A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 379.062 euros as obras mellora da seguridade na intersección das estradas provinciais DP- 6121 e DP-6119, que da acceso a Landoi, no Concello de Cariño.
As obras, que comezarán este verán, eliminarán un punto perigoso da rede provincial de estradas e mellorarán a seguridade viaria no citado cruce, que dá acceso á parroquia de Landoi desde a estrada de Mera a Cariño, unha zona na que actualmente existe unha escasa visibilidade.
O ano pasado, o presidente Valentín González Formoso fixo unha visita á zona xunto ao alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, que trasladou ao presidente e ao equipo de Vías e Obras da Deputación a necesidade urxente de actuar na zona, debido ao perigo de accidentes que supón.
Para eliminar estre problema, as obras incluirán, por unha banda, a modificación do trazado da estrada de Landoi (DP-6119) para aumentar o radio de xiro da manobra de incorporación á vía de Mera a Cariño gañando así visibilidade e, pola outra, a creación na vía de Mera a Cariño (DP-6121) dun carril central de espera e o desdobramento do esquerdo para facilitar as incorporacións a Landoi.
As obras inclúen tamén a creación neste punto dunha área de descanso con vistas á ría e habilitará unha zona de xiro para que os vehículos que circulan pola estrada xeral poidan realizar cambios de sentido.