A Deputación licita as obras de mellora da seguridade viaria na estrada que une a Ponte do Porto e Camelle, en Camariñas
As obras contan cun orzamento total de 175.122, 54 euros e está prevista a construción de beirarrúas en ambas marxes da vía
A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de mellora da seguridade viaria na estrada DP-1601, entre os puntos quilométricos 4+200 e 4+425 e que une os núcleos da Ponte do Porto e Camelle, no Concello de Camariñas.
As obras, que contan cun orzamento total de 175.122, 54 euros, contemplan a construción de beirarrúas en ambas as marxes da vía. Serán sobre elevadas cun ancho medio de dous metros. Dotarase de beiravías cun ancho medio de 0,5 metros, a realización dunha zona de estacionamento de vehículos en liña na marxe dereita da estrada e a renovación do pavimento mediante o compactado dunha capa de rodaxe a base de mestura bituminosa en todo o ancho da plataforma.
Debido á diferenza de cota existente na marxe dereita do tramo de actuación, entre a beirarrúa e o terreo, contémplase a execución de pequenos tramos mediante bloques de formigón e a instalación dunha varanda peonil. Contémplase tamén a renovación da iluminación existente e a reposición dun tramo da rede de saneamento na marxe esquerda.
A rede de pluviais, que discorre baixo os tramos de beirarrúa proxectados, está formada por tubaxes de PVC cos seus correspondentes pozos de rexistro, e serán idénticas no tramo de rede de saneamento que se vai repoñer. O pavimento realizarase con lousa hidráulica e tamén se reporán as marcas viais do eixo da estrada e os símbolos, marcas no chan e pasos de peóns. Incluirase, tamén, a sinalización vertical necesaria.
O prazo de execución das obras será de cinco meses contados a partir da sinatura da acta de replaneamento e a data límite de presentación de ofertas será o 1 de agosto de 2022.