A Deputación licita as obras de mellora do firme da estrada que une Rorís e Anzobre, en Arteixo
As obras, que contan cun orzamento de 368.002,22 euros, suporán a optimización das conexións entre ambos núcleos
A Deputación da Coruña promove a mellora do firme na estrada que une Rorís e Anzobre, a DP-0507, no Concello de Arteixo, cunhas obras que contan cun orzamento de 368.002,22 euros e que suporán a optimización das conexións entre ambos núcleos de poboación.
Na mesma a zona, a Deputación construíu con investimento de 381.000 euros unha senda peonil que conecta os núcleos rurais de Rorís, Crucella e Anzobre, permitindo aos peóns desprazarse con seguridade.
Agora, completarase coa mellora do firme da estrada coa realización de tarefas limpeza das cunetas en ambas marxes da vía; fresado e reposición das zonas deterioradas; fresado nas zonas de entronque con outras estradas e nas zonas con entradas de parcelas; estendido dunha capa de mestura bituminosa; renovación da sinalización horizontal; reforzo da sinalización vertical; adaptación das tapas de rexistro dos sumidoiros á nova rasante; execución dos muros de contención necesarios; ampliación da ODT (Obra de Drenaxe Transversal) mediante marcos de formigón e instalación dunha varanda e barreiras de seguridade.
Para a mellora da seguridade e o mantemento do tráfico durante a execución das obras, procederase á sinalización dos traballos e á execución, primeiro por unha marxe, e posteriormente pola outra, garantíndose así o servizo dun dos carrís en todo momento.
O prazo de execución da intervención será de catro meses contados desde a sinatura da acta de comprobación do replanteo. A data límite de presentación de ofertas é o 1 de agosto de 2022.