Estás en:Novas

Volve ‘A luz da ciencia’ ao Dolmen de Dombate cunha xornada sobre a protección do ceo nocturno

As sesións, que terán lugar os días 14 e 15 de xullo ás 19h, estarán abertas ao público de xeito presencial e ofrecerán a oportunidade de participar nunha observación astronómica desde o chan de Dombate

As xornadas, organizadas polo departamento provincial de Patrimonio e o Concello de Cabana e comisariadas polo catedrático Jorge Mira, estarán dispoñibles en liña a partir do 3 de agosto

Volve ‘A luz da ciencia’ ao Dolmen de Dombate cunha xornada sobre a protección do ceo nocturno

Volve a iniciativa 'A Luz da Ciencia' desde o Dolmen de Dombate, as aulas científicas organizadas pola Deputación da Coruña a través da área de Patrimonio e o concello de Cabana, cunha xornada que terá como tema principal a protección do ceo nocturno. Serán dúas sesións, que nesta ocasión estarán abertas ao público presencialmente, e que se celebrarán no propio Dolmen de Dombate o xoves 14 e venres 15, ambos os días ás 19h. Ao igual que en edicións anteriores, os contidos tamén estarán dispoñibles nas páxinas www.dacoruna.gal e web www.cabana.gal - a partir do vindeiro 3 de agosto-.

A primeira das sesións estará dedicada á certificación de destino Starlight, un proceso no que está participando neste momento o territorio da Costa da Morte e que conta co apoio da Deputación da Coruña. Tras unha apertura institucional, encabezada polo deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, terán lugar dous relatorios. O primeiro leva por título "Preservación do ceo nocturno e desenvolvemento sostible local" e correrá a cargo de Antonia M. Varela Pérez, directora xerente da Fundación Starlight e enxeñeira superior do Instituto de Astrofísica de Canarias; e o segundo "Destinos Starlight: a paisaxe no ceo" a cargo de Óscar Blanco Varela, astrofotógrafo, socio fundador da Agrupación Astronómica Ío e director do Centro Astronómico de Trevinca. A sesión continuará cunha mesa redonda ao redor do "desenvolvemento asociado ás certificacións Starlight" e rematará, ás 23h, cunha observación astronómica desde o chan de Dombate.

Na sesión do venres o primeiro relatorio versará sobre "Contaminación luminosa: a desaparición da noite" a cargo de Xabier Pérez Couto, matemático e investigador en contaminación luminosa. Continuará coa intervención "Utilizando a tecnoloxía e luz artificial nocturna para iluminar sen contaminar" a cargo de Susana Malón Giménez, CEO e directora de Lumínica Ambiental e membro da Junta de Gobierno do Comité Español de Iluminación, e rematará cunha mesa redonda titulada 'Como de realistas son as medidas de control da contaminación luminosa?"