A Deputación e o Concello de Culleredo asinan o convenio para levar a cabo o novo proxecto da mellora da estrada de Confurco a Orro
A Coruña, 3 de agosto de 2022. A Deputación da Coruña e o Concello de Culleredo asinaron hoxe o convenio de colaboración para levar a cabo o novo proxecto de ampliación e mellora da estrada provincial DP-0510 de Confurco a Orro, no termo municipal cullerdense. O pleno da institución provincial aprobara o proxecto o pasado 29 de xullo.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo firmaron o acordo, que ten por obxecto a coordinación das dúas institucións para as actuacións na estrada.
Cun orzamento de 1.671.420 euros, a Deputación executará a ampliación da plataforma da vía, a mellora do trazado e a construción dunha senda para mellorar a seguridade peonil. E o concello financiará con 250.317 euros a renovación completa da rede de saneamento. Será o maior investimento programado na rede provincial de estradas durante este ano.
Agora, coa firma do acordo poderase licitar de xeito inminente coa intención de que se inicien os traballos en outono. As obras contrataranse como un único lote para a súa execución por parte da mesma empresa.
O antigo proxecto foi actualizado debido á alza de prezos dos materiais de construción nos últimos anos e á necesidade de incorporar ao proxecto de mellora do vial as obras de renovación da rede de saneamento na zona.
A actuación
O proxecto contempla a reparación da estrada desde o seu comezo, na intersección coa tamén vía provincial DP3109, ata o punto quilométrico 2+940, mellorando o acceso aos núcleos de Figueiras e Caiñás, e as diversas vivendas situadas neste tramo de preto de 3 quilómetros.
Na actualidade, esta vía ten un ancho medio de cinco metros e carece de beiravías, o cal impide unha correcta seguridade viaria. Para solucionalo, ampliarase a plataforma para dotala de dous carrís de tres metros cada un e de beiravías de medio metro, así como de cunetas de seguridade.
Co obxectivo de favorecer o tránsito dos viandantes entre os diversos inmobles que se sitúan a ambas marxes da estrada, tamén se creará unha senda peonil de dous metros de ancho ao longo da totalidade da estrada. Ademais, nas zonas onde o ancho da vía o permite, aproveitarase para a creación dun aparcamento en batería.
O proxecto tamén prevé a mellora dos accesos e interseccións, a modificación das curvas con radio moi reducido e a execución dunha nova glorieta á altura do punto quilométrico 2+000, co fin de favorecer os cambios de sentido e de eliminar os puntos con alta perigosidade, tanto para o tráfico rodado coma para os viandantes.