A Deputación destaca a importancia da artesanía tradicional como dinamizador económico na Mostra de Olería de Buño 2022
A Coruña, 4 de agosto de 2022. A Deputación da Coruña mantén o seu compromiso coa artesanía tradicional como parte do patrimonio cultural da provincia, pero tamén como un importante dinamizador económico. Así o asegurou o deputado de Promoción Económica, Blas García, durante a inauguración da XXXVIII Mostra de Olería de Buño, na que estivo acompañado polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
García lembrou que a institución provincial mantén unha firme aposta pola promoción de Buño e destacou que ese apoio traduciuse nunha achega de 80.000 euros que contribúen á organización desta mostra de referencia para Galicia. Tamén, na adquisición e recuperación do conxunto etnográfico Ecomuseo Forno do Forte, ou na rehabilitación do Forno da Costa, que pasou a formar parte do patrimonio recuperado e visitable da olería.
Hoxe, apuntou o deputado, "os protagonistas son os profesionais que se dedican a diario a crear esas pezas únicas. Temos que seguir mantendo este valor e esta marca oleira por riba de todo. Temos que traballar conxuntamente todos, Deputación, Concello e Xunta, para que esta mostra siga a ter un gran futuro que será beneficioso para todos. A Deputación seguirá estando aí, coma sempre, xa que Buño xa non é un referente na provincia, senón en Galicia e en toda España".
Asegurou que a artesanía é fonte de creación de emprego, "moi necesario nestes tempos de crise. Sabemos que a artesanía é un dos sectores onde máis se está a sufrir, pero dende a Deputación faremos o que estea na nosa man para que a olería de Buño siga mantendo viva unha actividade do patrimonio cultural da nosa comunidade".
García destacou que a artesanía de Buño é unha actividade única, "Buño é o último pobo oleiro de Galicia e, neste encontro, un referente do verán na Costa da Morte". Amosou tamén o seu "fondo respecto polos e polas artesáns que fan posible que siga existido este centro oleiro. O seu labor e a súa creatividade son motivo da miña admiración e da do resto de galegos e galegas".
MOSTRA
De feito, esta mostra ampliou os seus obxectivos e consolidouse como unha gran festa tradicional. Así este ano haberá unha exposición cos carteis da Mostra ao longo da súa historia, demostracións ao torno por parte de varios artesáns, obradoiros diversos, contos para os máis pequenos, charangas, presentacións literarias, unha ruta oleira, sesións vermú, teatro, música, xogos tradicionais e deporte, que dinamizarán a actividade oleira.
Blas García agradeceu finalmente o labor dos artesáns de Buño por continuar cunha tradición económica e cultural que é necesario apoiar para mantela no tempo.