A Deputación abre o prazo para que entidades agrarias e labregas soliciten axudas a investimentos e actividades, ás que dedica 318.000 euros
O BOP publica hoxe a convocatoria de ambos programas, cuxas solicitudes poderán presentarse desde mañá, 9 de marzo, ata o próximo 7 de abril
Unha das liñas inviste 118.000 euros para adquirir novo equipamento e acondicionar infraestruturas
A outra financia con 200.000 euros a contratación de persoal ou a realización de seminarios, xornadas e congresos, entre outras cousas
A Deputación da Coruña abre mañá o prazo para que entidades agrarias, labregas, gandeiras, forestais e asociacións de cazadores da provincia soliciten as axudas ao desenvolvemento de actividades e investimentos durante o ano 2022. O ente provincial dedica un orzamento total de 318.000 euros a ambas liñas.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a convocatoria das subvencións, que poderán solicitarse desde mañá, 10 de marzo, ata as 14:00 horas do vindeiro 7 de abril. As propostas deberán realizarse vía telemática a través da plataforma SUBTeL da Deputación.
O deputado responsable da área de Promoción Económica, Blas García, sinalou que estas achegas permitirán "apoiar a un sector de grande importancia social e económica na provincia e en toda Galicia, que realiza iniciativas de enorme calado para o progreso do noso rural". Con estas subvencións, a Deputación busca contribuír a democratizar o agro mediante a mellora da calidade de vida de agricultores e agricultoras e gandeiros e gandeiras.
118.000 euros para apoiar novos investimentos
A través desta liña de subvencións, a Deputación destinará 118.000 euros para dar apoio a entidades asociativas agrarias, gandeiras, forestais e asociacións de cazadores. As contías a percibir por beneficiario irán dun mínimo de 1.000 a un máximo de 24.000 euros.
Os orzamentos servirán para financiar accións que teñan como obxectivos principais a valorización e comercialización das producións, a repoboación forestal, a prevención de incendios, sinalización TECOR, fomento do uso das novas tecnoloxías, enerxías renovables e de aforro enerxético e iniciativas tendentes á mellora da calidade xenética.
Así pois, permitirán adquirir novo material, realizar construcións, peches, acondicionar locais, comprar maquinaria ou equipos de procesos de información.
200.000 euros para realizar actividades
A outra liña de axudas provincial dedicará 200.000 euros para que organizacións profesionais agrarias e de labradores (OPAs) da provincia poidan levar a cabo actividades durante 2022. As contías que se han percibir van dos 6.000 aos 100.000 euros.
Os gastos subvencionables inclúen a contratación de persoal técnico, salarios, seguridade social, gastos derivados de cursos, seminarios, xornadas e congresos, material funxible para a realización da actividade, desprazamentos e gastos de funcionamento da entidade.