A Deputación inviste 1,2 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria de Cespón a Vidres, en Boiro
O proxecto, que foi aprobado no pleno do mes de xullo, contempla o remate das obras, xa que o contrato inicial foi obxecto de rescisión
Realizarase ampliación e mellora de trazado en toda a estrada, pasando do ancho actual de cinco metros a unha sección de 8 metros de anchura
A deputada Sandra González destacou "a importancia de rematar esta importante obra" e salientou "o esforzo investidor que está a realizar a Deputación para mellorar a seguridade viaria en toda a provincia"
A Deputación da Coruña inviste 1.283.922 euros no proxecto de ampliación e mellora de seguridade viaria na DP-1102 de Cespón a Vidres, no Concello de Boiro. A partida, que foi aprobada no pleno provincial do mes de xullo, permitirá rematar as obras, xa que o contrato inicial foi obxecto de rescisión.
A deputada Sandra González destacou a "importancia de rematar esta importante obra de mellora da seguridade viaria" e salientou "o esforzo que está a realizar a Deputación para mellorar a seguridade viaria en toda a provincia e o enorme esforzo investidor que a sitúan como o maior axente investidor de toda A Coruña".
Os traballos a levar a cabo contemplan a ampliación e mellora de trazado en toda a estrada pasando do ancho actual de 5 metros a unha sección de 8 metros de anchura, mellorando o trazado mediante o suavizado de curvas. Inclúese ademais a mellora de 300 metros dunha estrada municipal que pasa a ser o novo tronco da estrada provincial, mentres que os primeiros 300 metros da estrada provincial, substituídos polo novo trazado, repavimentaranse sen aumentar a súa anchura.
Gabinete de Prensa