A Deputación adxudica por 392.341 euros as obras de mellora da estrada DP-4603 entre Melide e Ribadulla
Os traballos de reposición de firme executaranse entre os puntos quilométricos 1+070 e 5+821
A actuación inclúe a dotación dunha nova capa de mestura asfáltica en quente así como a sinalización e balizamento da estrada
A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 392.341,18 € as obras de renovación do pavimento da estrada DP-4603, que conecta Melide co núcleo de Ribadulla, entre os puntos quilométricos 1+070 ao 5+821. Os traballos están incluídos na terceira fase do Plan de Conservación de Vías Provinciais.
O proxecto contempla a recuperación do firme dunha vía que na actualidade presenta un importante deterioro como consecuencia do paso do tempo, dos efectos climáticos e do volume de vehículos que rexistra en diferentes tramos.
As obras inclúen o saneamento da capa superficial do pavimento coa dotación dun novo estrato de mestura asfáltica en quente que permitirá asegurar as condicións de seguridade para o tráfico rodado. Unha vez concluída esta fase da actuación executaranse tarefas de sinalización e balizamento da vía.
Unha vez adxudicadas, as obras comezarán este mesmo outono. O tráfico permanecerá limitado a un só carril durante a execución das obras para poder manter en servizo a conexión en todo momento. Unha vez iniciada a intervención, o prazo para a conclusión dos traballos será de dous meses.