Estás en:Novas

Vinte e cinco establecementos participan na feira de dinamización do comercio local da Deputación en Arteixo

O deputado de Promoción Económica, Blas García, presentou hoxe a actividade, que se celebra en Arteixo esta fin de semana

Vinte e cinco establecementos participan na feira de dinamización do comercio local da Deputación en Arteixo

O pequeno comercio de Arteixo prepárase para unha das grandes citas do ano. Do venres 9 ao domingo 11 de setembro, o público que se achegue pola Feira de Oportunidades poderá aproveitarse de grandes ofertas en todo tipo de produtos.

Baixo a cuberta do Campo da Festa estarán representados distintos establecementos de moda, calzado, artesanía, complementos, agasallos, xoguetes, electrónica ou beleza, entre outros ámbitos do comercio local. En total, haberá 25 postos aos que hai que engadir a presenza de cinco concesionarios na Feira do Motor, que se celebrará simultaneamente no mesmo recinto cunha exposición de máis de cen vehículos de ocasión. O Concello de Arteixo organiza o evento coa colaboración da Deputación da Coruña e o Arteixo CCA.

Na presentación da feira estiveron presentes o concelleiro de Promoción Económica, Ángel Vázquez; o deputado provincial de Promoción Económica, Blas García e a presidenta do Arteixo CCA, Ángela Sánchez, que desvelaron todos os detalles da programación.

Xunto á ampla oferta comercial, veciñanza e visitantes poderán gozar, de forma totalmente gratuíta, de espectáculos, música en vivo, obradoiros infantís e sorteos durante toda a fin de semana. Haberá tamén inchables e servizo de bar con comida e bebidas.

O venres 9, a Feira de Oportunidades e do Motor abrirá as súas portas de 17 a 21 horas; o sábado 10, de 10 a 21 horas e o domingo 11, de 11 a 20 horas. Entre os espectáculos que o público poderá presenciar ao longo das tres xornadas haberá concertos de Carlos Bau (venres ás 19 e ás 20h), sesións de maxia da man de Kiko Pastur (sábado ás 19 e ás 20h) ou un espectáculo circense a cargo de Ikigai (domingo ás 18:30h). Ademais, as sesións vermú de 'VeranEarte' trasladaranse este sábado ao recinto do Campo da Festa coa actuación de Alma Libre a partir das 12:45 horas. Por outra banda, os obradoiros de pulseiras, chapas e tattoos desenvolveranse o venres de 18 a 21h, o sábado de 12 a 14 e de 16:30 a 21 horas e o domingo de 12 a 14 e de 16:30 a 20 horas.