A Deputación inicia a segunda fase das obras de mellora da estrada que vai de Valdoviño a Cerdido
Investirá máis de 239.000 euros nos traballos de pavimentación da DP-2502
Inícianse as obras da segunda fase das obras de renovación do firme na estrada DP-2502, que vai dende Valdoviño ata o veciño municipio de Cerdido. A Deputación da Coruña investirá 239.300 nesta intervención,que contribuirá a optimizar a seguridade viaria na principal vía de acceso ás parroquias valdoviñesas do interior.
Os traballos de pavimentación, adxudicados á empresa Obras y saneamentos Galicia SL. por 239.300 EUR, puxéronse en marcha esta mañá e inícianse coa apertura de cunetas e limpeza de beiravías para, deseguido, comezar coa posta a punto da plataforma da estrada, entre o punto quilométrico 3+000 e o PQ 5+600. Está previsto estender unha capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor.
A actuación, que afectará a un treito de 2,6 km comprendido entre os lugares do Portodoso (Valdoviño) e O Calvario, moi preto do encoro das Forcadas (Loira), completarase coa reposición das marcas viarias e das beiravías.
Deste xeito, materializarase o compromiso de continuar coa mellora do trazado desta estrada adquirido polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, co alcalde de Valdoviño, Alberto González, tras a finalización da primeira fase de obras. Unha intervención que supuxo a ampliación da vía de 5 a 9 metros de ancho, con carrís de 3,50 metros en cada sentido e beiravías laterais de un metro.
Concello de Valdoviño e Deputación da Coruña traballan xa na redacción dos proxectos para dar continuidade ata Vilaboa ás obras de acondicionamento desta estrada, que soporta unha importante intensidade de tráfico e tamén de peóns e que resulta fundamental para Valdoviño, ao ser a principal vía de comunicación das parroquias de Loira e Vilaboa.