Estás en:Novas

Xosé Regueira avoga polas iniciativas “comprometidas co territorio” como base para a sustentabilidade e a loita contra os grandes retos climáticos

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo participa no Congreso Nacional de Ecoturismo que está tendo lugar no Pazo de Mariñán e que, nesta edición, ten como tema central o reto de camiñar cara a neutralidade en carbono

Xosé Regueira avoga polas iniciativas “comprometidas co territorio” como base para a sustentabilidade e a loita contra os grandes retos climáticos

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, defendeu esta mañá "o compromiso co territorio" de iniciativas como as que se amparan baixo o paraugas da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo "á hora de afrontar grandes retos globais e que afectan á saúde do planeta".

Xosé Regueira foi o encargado de abrir a quenda de intervencións no acto oficial de inauguración do Congreso Nacional de Ecoturismo, que comezou esta mañá, e que reúne no Pazo de Mariñán a relatores e axentes relacionados co sector empresarial vinculado ao ecoturismo, representantes de grupos de desenvolvemento local, de asociacións de turismo rural, persoal técnico de espazos naturais e de espazos protexidos, centros de investigación relacionados co sector e axencias e operadores turísticos estatais e internacionais especializados en ecoturismo.

O vicepresidente lembrou que o propio lugar no que se está a desenvolver o Congreso estatal, tanto o Pazo como os xardíns, son espazos protexidos e que contan coa certificación Observer® de Turismo Científico. Tamén aproveitou para poñer en valor o labor que está a realizar a Reserva da Biosfera, anfitrioa nesta VI edición do Congreso, "que está a conseguir grandes obxectivos grazas ao seu compromiso co territorio que abrangue e coa provincia en xeral, e con capacidade para afrontar retos relacionados coa sustentabilidade e a biodiversidade, e coa necesidade de apostar pola saúde do planeta".

O vicepresidente asegurou que "a Reserva da Biosfera é un emblema que nos gusta enarborar cando facemos promoción turística da provincia, tanto polo bo traballo que realizan como pola boa gobernanza e os proxectos que está a desenvolver". Neste sentido, convidou a todas as persoas asistentes a coñecer durante os tres días do congreso o propio territorio da Reserva, así como a cultura, a lingua e a gastronomía.

No acto oficial de apertura tamén participaron a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, o presidente da Reserva da  Biosfera Mariñas Coruñesas, José Antonio Santiso, a subdirectora adxunta de Desarrollo y Sostenibilidad Turística de la Secretaría de Estado de Turismo, Ana Jar, o presidente da Asociación de Ecoturismo en España, Jesús M. Pozuelo, e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor.