Cultura da Deputación organiza no Teatro Colón o ciclo ‘A palabra transmedia’
Do 28 ao 30 de outubro, ArtesaCía, Maruja Roca Foundation e Maleducadas protagonizan tres interesantes propostas que fusionan a palabra coa música e as artes escénicas
As entradas, de balde, xa se poden retirar na páxina web do teatro coruñés
A área de Cultura da Deputación da Coruña programa, no remate do mes de outubro, o ciclo 'A palabra transmedia'. O Teatro Colón acollerá, os días 28, 29 e 30, ás 20 horas, tres interesantes propostas que fusionan a palabra coa música e as artes escénicas, protagonizadas por ArtesaCía, Maruja Roca Foundation e Maleducadas.
A primeira en subirse ao escenario, o venres 28, será a compañía ArtesaCía, co espectáculo "Illas desertas", unha "travesía" ancorada nas narrativas transmedia e na poesía audiovisual. Antes de acceder ao espazo da representación, convídase ao "público-tripulación" a instalar no seu teléfono móbil unha aplicación que lle permitirá estar en interacción continua cos intérpretes, a través de mensaxes escritas e audiovisuais, e converterse nun personaxe máis da peza.
Laura Villaverde (escena e produción), Roi Fernández (escena e cinema en directo), Héctor Pazos (escena, música e iluminación) e Susana Méndez escena e técnica multimedia) forman un equipo co que colaboraron Esther Quintas (vestiario e escenografía) e La Fura Dels Bauls (tecnoloxía). O texto está firmado por Sebastián Álvaro e ArtesaCía.
O sábado 29, Nieves Neira (poeta e autora dos textos), Eutropio Rodríguez (editor de fotografía), Helena Sousa Estévez (acordeón), María José Pámpano (violín), Iago Mourinho (piano) e Pablo Sanmamed (contrabaixo e dirección) embarcan no Maruja Roca Foundation, un espectáculo literario, musical e visual baseado na obra da fotógrafa Maruja Roca, recentemente rescatada no libro "O feitizo de Maruja Roca" (aCentral Folque 2020).
"Na montaxe", explican os seus creadores, "Eutropio aborda a Maruja desde un feixe de preguntas que quedaron abertas no proceso de investigación e trata de plasmar os diálogos da íntima relación xurdida mentres se estaba a elaborar o libro". "Nieves", engaden, "habita o escenario poñéndolle palabra e movemento as fotografías de Maruja, mentres que música composta por Pablo Sanmamed lévanos coma quen viaxa nun álbum fotográfico familiar onde o mundo emocional entra sen chamar con cada retrato".
Remata o ciclo do domingo 30 co espectáculo que ofrecerá Maleducadas, unha proposta que afonda no significado das palabras para engarzalas á música e ao movemento nunha proposta onde a plástica escénica é unha compañeira máis. A improvisación libre e a composición conforman un todo entre as diferentes artes, nun acto de comunicación dirixido a todas as capacidades, idades, territorios e culturas.
Xúntanse en Maleducadas, por primeira vez, tres artistas galegos de mundos moi diversos: Marina Oural (idea orixinal, voz, guión e selección de textos), Chefa Alonso (saxo soprano, percusión, composición e improvisación musical) e Nacho Muñoz (piano, electrónica, composición e improvisación musical). "Queremos", afirman, "dar luz á flor da amizade profunda e a labor no palco ao servizo da creación compartida: na composición escénica con textos, voz, piano, saxo, percusión, poema composto e improvisado, conversa, emocións, corpo, mazás, moa de afiar ou unto".
As entradas, de balde, xa se poden retirar na páxina web do Teatro Colón.