O Plan Único da Deputación inviste 633.480 euros na pavimentación e mellora de estradas e camiños municipais de Arteixo
Vinte e cinco estradas e rúas municipais serán pavimentadas, sinalizadas, dotadas de novos pasos de peóns ou sistemas de recollida de pluviais
A Deputación da Coruña investirá, a través do Plan Único de Concellos, un total de 633.480 euros na pavimentación e mellora de distintas estradas, rúas e camiños municipais do Concello de Arteixo.
As obras, actualmente en fase de licitación pública, comprenden melloras en quince camiños de titularidade municipal en distintas parroquias do municipio arteixán e nunha decena de vías e estradas como a travesía de Sabón ou as rúas México, Venezuela, Aurelio Rivalta, Aguceira, José López Ballesteros, Médico Amenedo Casabella, Alcalde Manuel Pardo ou a glorieta de Ponte dos Brozos, entre outras.
Algunhas das obras previstas inclúen a creación de novos pasos de peóns, por exemplo entre as rúas México e Uruguai, a construción de novas redes de pluviais en camiños que actualmente se inundan coas choivas abundantes, a mellora da accesibilidade e supresión de barreiras, a limpeza e pavimentación das estradas ou a dotación de novas sinalización horizontal e vertical, accións que contribuirán a mellorar a seguridade e comodidade da veciñanza e do tráfico.