Pildora informativa: Consellos para unha compra segura
Desde hai algúns anos a compra de artigos a través de internet converteuse nunha práctica habitual para a maioría das persoas.
O chamado ‘Black Friday’ ou ‘Venres Negro’ xa é un dos días do ano no que se levan a cabo máis compras por internet en todo o mundo. Desde a Deputación Provincial da Coruña queremos axudarche a que estas compras sexan máis seguras cos seguintes consellos:
- Antes de iniciar calquera compra, actualiza os dispositivos persoais que vaias empregar (ordenador, móbil, tableta) para que estean protexidos fronte as vulnerabilidades.
- Cando deas de alta unha conta nun servizo de Internet como unha tenda en liña:
- Nunca utilices as credenciais corporativas para o rexistro de servizos alleos á actividade laboral.
- Utiliza contrasinais difíciles de adiviñar que sexan robustos, renóvaos periodicamente.
- Utiliza contrasinais únicos para os distintos servizos. Evitarás que o compromiso nun deles afecte ao resto.
- Trata de utilizar o dobre factor de autenticación sempre que poidas para engadir unha capa adicional de seguridade.
- Evita facer as túas compras conectado a través de redes Wifi públicas.
- Navega só por sitios de confianza, que comecen pola icona dun cadeado e por HTTPS.
- Compra en páxinas web de sitios oficiais e de reputación contrastada.
- Coidado coas ofertas incribles, investiga a reputación do vendedor.
- Utiliza tarxetas virtuais para as túas compras, cargándoas co importe exacto que custe o que vas comprar.
- Activa as notificacións de operacións da túa app bancaria e revisa a túa conta con frecuencia.
- Examina con coidado as garantías, os prazos de entrega e a posibilidade de cancelar a compra ou devolver os produtos.
- Investiga a orixe dos envíos: moitas veces hai custos ocultos de envío ou poden quedar retidos na aduana.
Boa compra!