Estás en:Novas

A Deputación e a Rede da GaliLusofonia poñen en marcha o foro ‘A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga’

Trátase dunha iniciativa orientada a profundar no coñecemento sobre o estelar momento histórico e cultural que representou o Reino Medieval de Galiza, e que contempla seis meses de palestras, visitas guiadas, teatro e música nas cidades de Compostela e Braga

As xornadas están impulsadas pola área de Normalización Lingüística, e súmanse á aposta que iniciou no pasado exercicio a institución provincial para difundir e socializar a historia medieval galega

A Deputación e a Rede da GaliLusofonia poñen en marcha o foro ‘A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga’

A Deputación da Coruña e a Rede da GaliLusofonia veñen de presentar o foro de coñecemento 'A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga', que botará a andar o vindeiro 17 de xaneiro e que contempla seis meses de palestras, visitas guiadas, teatro e música en ambas cidades. Na presentación participaron a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, o director da Escola Oficial de Idiomas de Compostela e coordinador xeral da Rede da GaliLusofonía, Gonzalo Constenla, o representante de Convergencias Portugal-Galiza, Jaime Torres, e o arqueólogo da Universidade do Minho, Luís Fontes.

A idea central é, segundo explicou a deputada María Muíño "promover o coñecemento e socialización colectiva e compartida do pasado, da historia propia". María Muíño lembrou que xa en 2022 desde a institución provincial, "puxemos en marcha varias iniciativas para contribuír no coñecemento do reino galego e da nosa historia medieval, como sabedes organizouse un congreso, a convocatoria de premios e agora continuamos con estas xornadas".

A deputada fixo fincapé nos contidos deste foro de coñecemento salientando "as palestras programadas sobre os nomes de lugares, sobre a plena normalidade da lingua galega portuguesa na Baixa Idade Media, a respecto da lírica, sobre Inés de Castro, da construción do reino Suevo ou das estratexias para a restauración da unidade galego- portuguesas". Unha idea na que tamén incidiu o coordinador xeral da Rede da GaliLusofonía, Gonzalo Constenla quen asegurou que, precisamente esta etapa histórica foi "a expresión do maior esplendor da lingua galego-portuguesa, sobre todo como lingua artística a través da lírica". Constenla enmarcou esta iniciativa no programa de actividades que desde a Rede da GaliLusofonía e da Escola Oficial de Idiomas promoven tanto para promover e difundir a lingua galego-portuguesa, como para prestixiala e recuperar o patrimonio cultural común da Galiza e Portugal.

Pola súa banda, o representante de Convergencias Portugal-Galiza, Jaime Torres, e o arqueólogo da Universidade do Minho, Luís Fontes, aproveitaron para amosar a súa satisfacción por esta colaboración que permitirá poñer en valor parte da historia compartida entre Galiza e Portugal, ao tempo que salientaron o interese das visitas que se realizarán á Sé e á Capela dos Reis e Sao Martinho de Dume e Sao Frutuoso, no xornada que terá lugar o día 18 de febreiro en Braga.

Relatores e relatoras de ámbitos da filoloxía estarán a cargo das palestras nun programa que tamén inclúe actuacións musicais, teatro, e visitas guiadas a lugares emblemáticos de Compostela como o Panteón Real da Catedral de Santiago ou o Castelo da Rocha Forte. Todas as actividades son de balde e abertas ao público en xeral ata completar aforo, agás as visitas guiadas para as que é preciso inscribirse previamente en i.gal/Braga e en i.gal/VisitasCompostela

Programa Compostela
Xaneiro

  • Día 17, 19.30h, na EOI de Santiago. Palestra: O nome dos lugares. As intervencións monárquicas na toponimia galego-portuguesa con Gonzalo Navaza, profesor titular de Literatura Galega na Universidade de Vigo.
  • Día 31, 19.00h, no Centro Sociocultural de Vite. Teatro: Terra de Raíñas, con Os Quinquilláns. A vida cotiá do século XIII e os conflitos da sucesión dinástica de Afonso VIII en favor de Sancha e Aldonça.

Febreiro

  • Día 28, 19.30h, na EOI de Santiago. Palestra: A plena normalidade da lingua galega-portuguesa na Baixa Idade Media, con Francisco Rodríguez Sánchez, estudoso e investigador da realidade galega: historia, crítica literaria e sociolingüística

Marzo

  • Día 14, 17:30h, na Catedral de Santiago. Visita guiada: Unha catedral para un reino, con Ramón Yzquierdo Peiró, Director técnico - Conservador do Museo da Catedral de Santiago de Compostela.
  • Día 28, 19.30h, na EOI de Santiago. Palestra: Lírica galego-portuguesa, a poesía dun Reino, con Mariña Arbor, filóloga, investigadora e profesora na Universidade de Santiago.

Abril

  • Día 18, 20:30h, Riquela Club. Concerto de LaMontagne & PicoAmperio. Música medieval galaico-portuguesa, ambiente hip-hop e poesía/poesia.

Maio

  • Día 2, 19:00h, no Castelo da Rocha Forte (Compostela). Visita guiada: Castelo da Rocha Forte, Do control do territorio á revolta con Mario César Vila, doutor pola Universidade de Santiago, a súa actividade pivota entre a xestión e a difusión de proxectos culturais, do patrimonio e a arqueoloxía.

Programa Braga
18 de febreiro. Casa do Conhecimento, Largo do Paço

  • 9.30h. Abertura da xornada
  • 10h. Palestra: Inês de Castro, a política e a lenda, con Alicia Díaz Balado, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e escritora.
  • 10.45h. Palestra: Estratexias para a restauración da unidade galego-portuguesa na Baixa Idade Media, con Francisco Rodríguez Sánchez, estudoso e investigador da realidade galega: historia, crítica literaria e sociolingüística.
  • 11.30h. Café
  • 12h. Palestra: Os suevos e a construción do primeiro reino xermánico de Occidente, con Luís Amaral, profesor da Faculdade de Letras da Universidade do Porto, especializado en Historia Medieval de Portugal.
  • 14.45h. Visita guiada à Sé e à Capela dos Reis e São Martinho de Dume e São Frutuoso, con Luis Fontes, arqueólogo da Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho.
  • 18h. Concerto de Xoan Curiel coa arpista Bleuenn Le Friec: "Treides comigo!". Proposta musical a partir de cantigas medievais galaico-portuguesas