Estás en:Novas

A situación da lingua galego-portuguesa na Baixa Idade Media, tema central da vindeira palestra do foro “A Lingua e o Reino”

Francisco Rodríguez afondará sobre esta cuestión o vindeiro 28 de febreiro, cun relatorio que terá lugar na Escola de Idiomas de Santiago de Compostela

O programa no que se insire a charla está organizado pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña en colaboración coa Rede da Galilusofonía

A situación da lingua galego-portuguesa na Baixa Idade Media, tema central da vindeira palestra do foro “A Lingua e o Reino”

O foro de coñecemento "A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga", continua coa súa programación cultural ao redor do Reino de Galiza coa palestra "A plena normalidade da lingua galego-portuguesa na Baixa Idade Media", impartida por Francisco Rodríguez, estudoso e investigador da realidade galega desde a perspectiva da historia, a crítica literaria e a sociolingüística.

O evento terá lugar o vindeiro 28 de febreiro na sala de actos da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, ás 19.30h. Ademais, será transmitido online a través da canle de Youtube da Deputación da Coruña.

Francisco Rodríguez foi tamén un dos palestrantes da xornada que tivo lugar a fin de semana pasada na cidade portuguesa de Braga. Alí, xunto á profesora da Universidade de Santiago de Compostela e autora da novela Inés de Castro. De cinza e cereixas, Alicia Díaz Balado, e o profesor da Faculdade de Letras da Universidade do Porto, Luís Carlos Amaral, aproximouse ao contexto sociopolítico e lingüístico do Reino da Gallaecia, fío condutor da xornada, que continuou con visitas guiadas por espazos histórico-artísticos da historia bracarense como São Martinho de Dume, São Frutuoso e a Sé, rematando o día co concerto de Xoán Curiel en compañía da arpista Bleuenn Le Friec que ofreceron o repertorio do último disco de Curiel, "Treides comigo!", no que revisita e musicaliza varias cantigas medievais compostas por trobadores en lingua galego-portuguesa.

As xornadas "A lingua e o reino, entre Compostela e Braga" son concibidas como un foro de coñecemento sobre o estelar momento histórico e cultural que representou o Reino Medieval de Galiza, desde a constitución do Reino Suevo.

O Director do Museo da catedral guiará a visita polo enclave
A vindeira actividade prevista é a visita á Catedral de Santiago que baixo o título "Unha catedral para un reino", estará guiada por Ramón Yzquierdo Peiró, Director técnico-Conservador do Museo da catedral de Santiago de Compostela. Terá lugar o 14 de marzo ás 17.30h e para asistir será precisa inscrición a través do web: www.i.gal/VisitasCompostela