O Patrimonio da Deputación, protagonista dunha campaña transmedia para difundir a súa pegada histórica e cultural
Baixo o cancelo #PatrimonioInMaterial, realizarase unha campaña en redes sociais composta por 6 vídeos musicais gravados en localizacións de titularidade provincial: o Dolmen de Dombate, o Castelo de Vimianzo, o forno do Forte, as Torres do Allo, as Torres de Altamira e o Mosteiro de Caaveiro
Na difusión tamén colaborarán creadoras de contidos culturais e xestores de comunidades como Ola Xon Mario!, Orgullo Galego ou Rodri Míguez. A produción e coordinación técnica correrá a cargo da Cooperativa Audiovisual Suseia
A área de Patrimonio da Deputación, que xestiona o deputado Xosé Lois Penas, está a ultimar os detalles dunha campaña transmedia que ten por obxecto promover a pegada histórica e cultural de varios bens patrimoniais de titularidade provincial. Así, baixo o cancelo #PatrimonioInMaterial difundiranse seis videoclips musicais en redes sociais para amosar a simbiose natural que existe entre o Patrimonio Material e Inmaterial.
"A idea é ir máis alá do valor arqueolóxico ou arquitectónico do noso patrimonio, o que queremos é dalo a coñecer dun xeito máis transversal e socializado sobre todo entre a xente máis nova, polo que optamos por canles e formatos de difusión máis axustados ao perfil da mocidade" asegura Xosé Lois Penas. Os seis videoclips foron gravados en localizacións de especial interese histórico e cultural como son o Dolmen de Dombate, o Castelo de Vimianzo, o forno do Forte, as Torres do Allo, as Torres de Altamira e o Mosteiro de Caaveiro.
Os vídeos subiranse os luns, a partires do 20 de marzo, á canle de Youtube da Deptuación e, ao longo de cada semana, realizaranse diversas accións de difusión a cargo de creadoras de contidos culturais e xestores de comunidades como Ola Xon Mario!, Orgullo Galego ou Rodri Míguez. Toda a produción e coordinación técnica correrá a cargo da Cooperativa Audiovisual Suseia.
Todos os luns o perfil de Youtube da Deputación publicará un videoclip que servirá como arranque para comezar coa difusión. As noites dos luns Rodri Míguez fará unha análise dun minuto do espazo escollido para interpretar a canción, os martes á tardiña a conversa será en Twich da man de Orgullo Galego, os mércores Ola Xon Mario! Encargarase de poñer a nota de humor e os xoves un post de Orgullo Galego achegará lendas e datos de interese relacionados co ben de interese.
Entre as bandas e solistas que participan existe unha grande variedade de xéneros musicais e propostas creativas: Adhara and Ritman coa súa mestura de folk e soul; O Rabelo que interpretará un tema tecno-tradi; Minguante e a aposta polo pop-indie; Técor Societario cun tema punk-folk; Sofia Espiñeira coa frescura do pop en galego e Lisdexia cunha aposta polo pop-punk.