Día mundial da poesía 2023
Celebramos o 21 de marzo como Día da poesía desde a súa adopción pola UNESCO en 1999.
A UNESCO adoptou a conmemoración desta data co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e fomentar a visibilización daquelas linguas que se atopan en perigo. Por iso, parécenos moi importante traballar este formato literario, especialmente en galego. Preparamos varias accións neste sentido para que o público en xeral coñeza, aprecie e se achegue á poesía sen prexuízos e sen medo.
Degustación de poesía
Dispoñible nas seccións de préstamo de público xuvenil e de persoas adultas.
Na Biblioteca Xuvenil, atoparás unha selección de poemas da antoloxía "Poetízate", realizada por Fran Alonso. Acompañada dun recuncho con poemarios e cinco razóns para ler poesía.
Na sección de persoas adultas, a degustación está composta de fragmentos dos poemarios premiados co "González Garcés" da Deputación da Coruña, e do poemario "Ninguén morreu de ler poesía" de Aldaolado, que estamos traballando no Club de lectura.
Carrusel de poesía na EbiblioDaCoruna
Na EbiblioDaCoruna atoparás unha selección de poesía en formato dixital en galego e castelán, para público infantil, xuvenil e adulto. Porque a poesía é para todas as idades e chega a tódolos recunchos! Só tes que identificarte coas túas claves e tomar prestado aquel poemario que prefiras premendo aquí. Se aínda non tes as túas claves, solicítaas enchendo o formulario que atoparás premendo aquí.
Encontro con Aldaolado sobre "Ninguén morreu de ler poesía"
O 23 de marzo ás 20:00 h teremos un encontro virtual con María Lado e Lucía Aldao sobre o seu poemario "Ninguén morreu de ler poesía", que estamos lendo no Club dixital EbiblioDaCoruna. O acceso ao club é libre coas mesmas claves que a do préstamo dixital da EbiblioDaCoruna. E o acceso ao encontro dixital é libre para calquera persoa sexa ou non membro do club: accede premendo aquí!