A lírica galego-portuguesa, protagonista da nova actividade do foro “A lingua e o Reino entre Compostela e Braga”
Leticia Eirín, profesora da Universidade da Coruña e especialista en literatura medieval, ofrecerá unha panorámica da lírica galego-portuguesa composta entre 1175 e 1350, o día 28 de marzo na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela
A lírica galego-portuguesa será a protagonista o 28 de marzo dunha nova actividade das xornadas do foro de coñecemento "A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga", organizado pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña en colaboración coa Rede da GaliLusofonia.
A palestra titulada "Lírica galego-portuguesa, a poesía dun Reino", será impartida pola especialista en literatura medieval, Leticia Eirín, en substitución de Mariña Arbor. Co seu relatorio fará viaxar ao público asistente ata a época de esplendor do Reino de Galiza para coñecer cal foi a implicación da monarquía e a nobreza galega no desenvolvemento da lírica profana do momento.
A asistencia á palestra será gratuíta e terá lugar na sala de actos da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, ás 19.30h. Ademais, será transmitida en liña a través da canle de Youtube da Deputación da Coruña.
Leticia Eirín licenciouse en Filoloxía Galega na Universidade da Coruña e doutorouse nesta mesma institución, na cal exerce de profesora na actualidade. De entre as súas publicacións destaca a edición da obra teatral Auto chamado dos Enfatriões, de Luís de Camões (Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor, 2008), O cancioneiro de Pero Mafaldo. Edición crítica (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2014), en colaboración con Manuel Ferreiro, ou A visión do amor no cancioneiro de Don Denis. Estudo e edición de 33 cantigas de amor (Edicións Laiovento, 2015).
Vindeiras actividades
As vindeiras actividades programadas dentro deste foro para o coñecemento e divulgación da lingua e cultura galego-portuguesa, forxada no contexto do Reino de Galiza, son:
- Día 18 de abril, 20:30h, Riquela Club. Concerto de LaMontagne & PicoAmperio. Música medieval galaico-portuguesa, ambiente hip-hop e poesía.
- Día 2 de maio, 19:00h, no Castelo da Rocha Forte (Compostela). Visita guiada: Castelo da Rocha Forte, Do control do territorio á revolta con Mario César Vila, doutor pola Universidade de Santiago, a súa actividade pivota entre a xestión e a difusión de proxectos culturais, do patrimonio e a arqueoloxía.