A Deputación adxudica as obras da senda peonil entre Santiago de Compostela e a parroquia de Figueiras por 900.000 euros
A actuación cubrirá unha necesidade e unha antiga demanda de mellora da seguridade peonil nesta zona de Santiago
O tramo obxecto de actuación transcorre entre o PQ 0 e o PQ 2+560 da estrada provincial DP-7803
Os traballos inclúen a ampliación da beiravía, establecendo un novo itinerario peonil de case dous metros de ancho o que servirá para aumentar a seguridade viaria na estrada
A Deputación da Coruña adxudicou as obras de construción dunha senda peonil de 2,56 quilómetros que unirá Santiago de Compostela e a parroquia de Figueiras, na DP-7803, por un total de 896.914 euros.
O novo trazado peonil ampliará o ancho da beirarrúa actual de medio metro a 2,8 metros e conectará nalgúns tramos cos camiños que levan ou proceden do monte Pedroso, onde se rexistra un elevado número de camiñantes. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asegura que con esta obra adxudicada "cumprimos un compromiso cos veciños e veciñas que transitan a diario por unha beirarrúa que conecta Santiago e a parroquia de Figueiras. A actuación cubrirá deste xeito unha necesidade e unha antiga demanda de mellora da seguridade peonil nesta zona" apuntou.
A actuación, que comezará o vindeiro mes de abril, levarase a cabo no tramo que vai desde o PQ 0 ata o PQ 2+560, incluíndo o ramal inicial, mellorará a seguridade viaria cun novo itinerario peonil continuo que discorrerá ao longo deste tramo.
A actuación contempla a ampliación da beiravía, que acollerá unha senda de 1,8 metros de ancho. O pavimento seleccionado para esta superficie será unha mestura bituminosa quente. No tramo no que de atopan os núcleos de vivendas, que vai desde o PQ 1+020 ata o PQ 0+220, óptase por executar beirarrúas con bordos.
As obras inclúen o retranqueo dos postes que soportan tendidos aéreos de telefonía, electricidade e alumeado público, a reposición de dúas acometidas de gas, e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical, entre as que figuran novas marcas viais con resaltos, delimitadores de carril de caucho con elementos reflectantes, captafaros cada 20 metros e barreiras de seguridade nas zonas de curvas; todo elo co obxecto de incrementar ao máximo a seguridade do tránsito de peóns. Tamén se prevé a reposición das cunetas e a mellora do sistema de drenaxe, con colectores de formigón, pozos de rexistro e sumidoiros.