A Deputación licita as obras de mellora de drenaxe da estrada provincial DP-5401 en Narón por un importe de 325.869 euros
A estrada necesita dunha renovación integral da drenaxe xa que durante a época de choiva acumula unha gran cantidade de auga na superficie que dificulta a circulación.
O prazo de execución das obras será de cinco meses, contados a partir da formalización do contrato e as empresas que desexen concorrer a esta licitación deberán presentar as súas ofertas antes do día 27 de abril.
A Deputación licita o proxecto de mellora de drenaxe superficial da DP-5401 en Narón por un importe de 325.869 euros. A actuación mellorará a drenaxe da marxe dereita da estrada DP-5401 desde o PK 0+560 ata o 1+960 xa que existe gran doira que, en ocasións, invadía a calzada.
A estrada necesita dunha renovación integral da drenaxe xa que durante a época de choiva acumula unha gran cantidade de auga na superficie que dificulta a circulación. A actuación tenta, polo tanto, mellorar a seguridade viaria neste tramo, de case un quilómetro e medio, co fin de evitar a capa de auga que se forma na superficie e que pon en risco a circulación.
As obras consistirán no perfilado de noiros, limpeza de paseos e taxeas existentes, apertura de cunetas e a colocación dunha drenaxe lonxitudinal con unha tubaxe dun maior diámetro que evite acumulación da auga na superficie. Tamén se colocará unha tubaxe de polipropileno de diferentes diámetros para recollida de pluviais así como execución de sumidoiros e pozos de rexistro con reixa. Repoñeranse as taxeas deterioradas con tubaxe de formigón prefabricado do diámetro interior e acometerase unha obra de drenaxe superficial de cuneta de formigón en masa de 15 cm de espesor con fibras de polipropileno. Finalmente, procederase á demolición e posterior reposición de pavimento de formigón nos tramos afectados pola colocación do colector. Logo da obra de drenaxe repoñerase a sinalización horizontal con pintura viaria no tramo obxecto do proxecto.
O prazo de execución das obras será de cinco meses, contados a partir da formalización do contrato. As empresas que desexen concorrer a esta licitación deberán presentar as súas ofertas antes do día 27 de abril.