A Deputación completa os trámites de expropiación para as obras de ampliación da ponte sobre o rego do Castro, en Carral
A Deputación cita os propietarios dos terreos afectados polas expropiacións o día 20 de abril para pagarlles os depósitos previos
As obras contan cun investimento de 440.000 euros para mellorar o trazado e ampliar a ponte de catro a nove metros de ancho, mellorando a seguridade na zona
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio de pago de depósitos previos dos 16 terreos afectados polas obras de ampliación e mellora da seguridade da ponte sobre o rego do Castro, na estrada provincial DP 2104 de Carral a Meirama.
Os veciños e veciñas propietarias dos terreos están citados o día 20 de abril, a partir das 16:00 horas na Casa do Concello de Carral para que a Deputación lles efectúe o pago dos depósitos previos.
As obras suporán un investimento de 440.094 euros e inclúen a execución dunha pequena variante de trazado cunha lonxitude de 300 metros que inclúe nova obra para salvar o rego do Castro.
Esta nova estrutura permitirá mellorar a seguridade viaria nunha vía que presenta un trazado moi sinuoso, con curvas de radio reducido, sendo a ponte sobre o río Castro a máis restritiva ao longo do tramo. Neste espazo de 180 metros de lonxitude, os catro metros de ancho da plataforma dificultan o paso de vehículos pesados e autobuses, que se ven na obriga de realizar manobras para poder circular.
Para dar resposta a estas deficiencias, actuarase nun tramo de 300 metros de lonxitude, ampliando a vía ata os nove metros con dous carrís de tres metros e medio cada un e beiravías dun metro. A obra sobre o río ampliarase uns 3,5 metros para alcanzar a rasante proxectada para a estrada. A obra completarase co acondicionamento da drenaxe lonxitudinal da estrada e a sinalización desta. As obras contarán cun prazo de execución 9 meses a partir do seu inicio.