Estás en:Novas

LaMontagne & Pico Amperio actuarán en Compostela no marco das xornadas “A lingua e o Reino”

O crossover de versos medievais e hip hop da banda galega chegan ao Riquela Club o vindeiro martes 18 de abril a partir das 20.30h

LaMontagne & Pico Amperio actuarán en Compostela no marco das xornadas “A lingua e o Reino”

O proxecto musical LaMontagne & Pico Amperio actuará o vindeiro martes 18 de abril, ás 20.30h, no Riquela Club de Compostela. O evento forma parte do programa cultural "A Lingua e o Reino. Entre Compostela e Braga", organizado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Rede da GaliLusofonia, e que ten por obxecto a promoción e divulgación da nosa época de esplendor medieval, en concreto, da lingua galego-portuguesa.

A banda, integrada por Laura LaMontagne & Pico Amperio, achegará un punto de contemporaneidade ao programa coa súa orixinal proposta, que tende pontes coas músicas e tradición galego-portuguesa das cantigas de amigo, traéndoas de volta ao presente a través de sons futuristas e tecnolóxicos; un diálogo entre pasado, presente e futuro a través do hip hop, a abstracción ambiental, o folclore, melodías suaves, e a world music. Ademais de versos dos trobadores Martín Códax, Airas Nunes de Santiago e Afonso X, no repertorio de LaMontagne & Pico Amperio, teñen cabida outras grandes figuras da literatura como Rosalía de Castro, Luz Fandiño, Xela Arias, Fernando Pessoa ou García Lorca. O concerto será de balde e entrada libre ate completar a capacidade.

Visita guiada ao Castelo da Rocha Forte
Tras case seis meses de actividades cultural, "A Lingua e o Reino. Entre Compostela e Braga" prepara xa a súa última sesión, coa que porá o colofón a unha nutrida programación sobre o Reino Medieval de Galiza. Será a visita guiada ao Castelo da Rocha Forte, que terá lugar o vindeiro 2 de maio, ás 19.00h.

Baixo o título "Castelo da Rocha Forte. Do control do territorio á revolta", o especialista Mario César Vila, dirixira o percorrido para coñecer un dos castelos medievais máis emblemáticos da mitra compostelana entre 1240 e 1467, ano da súa destrución na Gran Guerra Irmandiña. A asistencia será de balde, sendo precisa inscrición a través do seguinte formulario (https://i.gal/VisitasCompostela).