A Deputación licita por 406.061 euros as obras de mellora da seguridade viaria na estrada de Rego de Tide, en Cedeira
Eliminarase unha curva perigosa, ampliarase a sección e incrementarase de xeito notable a visibilidade e a seguridade
A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación as obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-2206 na zona de Rego de Tide, co Concello de Cedeira, nas que investirá 406.061 euros. O prazo de presentación de ofertas remata o 15 de maio.
Trátase dunha calzada moi transitada, tanto para a veciñanza como para os visitantes, xa que dá acceso a San Andrés de Teixido, un lugar turístico ao que ao largo do ano se traslada un gran número de autobuses.
A actuación, que se levará a cabo entre os puntos quilométricos 0+920 e 1+220, ten como obxectivo eliminar unha curva perigosa que ten un radio moi reducido, ampliar a sección e incrementar de xeito notable a visibilidade. O novo trazado implica tamén a construción dun terraplén e a creación dunha obra de drenaxe transversal en marco de formigón armado para dar continuidade a un regato.
Todas estas modificacións pretenden dotar dunha maior seguridade a esta infraestrutura, facilitando a circulación dos vehículos que transcorren por ela a diario.