Deputación e Concello de Fisterra formalizan o acordo para o financiamento das obras do ‘Mercado Cultural’
O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas Corral, e o alcalde de Fisterra, José Marcote Suárez, veñen de asinar esta mañá o convenio polo que a institución provincial achega 200.000 euros para converter en centro cultural a planta alta do mercado municipal fisterrán
O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas Corral, e o alcalde de Fisterra, José Marcote Suárez, veñen de asinar esta mañá o convenio polo que a institución provincial achega 200.000 euros para financiar as obras que converterán o a planta alta do mercado municipal nun centro cultural.
Segundo recolle o acordo, o obxectivo é corrixir a eiva do Concello de Fisterra en materia de infraestruturas culturais, posto que se trata dun dos poucos concellos da provincia da Coruña, e o único da Costa da Morte, que non conta con instalacións propias pra desenvolver actividades e manifestacións de promoción, dinamización, divulgación, ocio e lecer no eido de expresións culturais e artísticas.
O convenio asinado, que xa fora aprobado na anterior sesión plenaria provincial, prevé unha actuación no segundo andar do mercado municipal que actualmente se atopa infrautilizado e con importantes problemas de conservación e mantemento. Ademais das reparacións que se precisan, a intervención contempla unha profunda modernización e renovación de cara aos novos usos culturais e de ocio para a veciñanza, así como a necesaria reformulación e reordenación dos espazos actuais.