Deputación e Concello de Carral formalizan o convenio para a mellora da seguridade peonil neste municipio
A institución provincial financiará as obras cunha achega de 64.000 euros para mellorar a accesibilidade peonil nos núcleos de Tabeaio e Carral e instalar redutores de velocidade nas contornas da zona escolar e do centro de saúde
O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e o alcalde de Carral, Francisco Javier Gestal, veñen de formalizar o acordo para a mellora da seguridade peonil nese municipio. A Deputación da Coruña financiará as obras cunha achega de 63.972 euros, en virtude do convenio que xa fora aprobado na anterior sesión plenaria provincial.
A actuación centrarase na instalación de pasos de peóns da estrada N-550, concretamente nos núcleos de Tabeaio de Carral. Convén lembrar que o trazado na N-550, sobre todo ao seu paso polo núcleo de Carral, é especialmente sinuoso, con anchos de rúa que pasan dos 7,50 aos 12 metros, e que na actualidade existen graves problemas de seguridade nos referidos pasos, que ofrecen escasa visibilidade por unha iluminación desaxeitada, por unhas marcas viarias e unhas sinais verticais gastadas e por uns vaos peonís invadidos por vehículos estacionados.
O convenio servirá ademais para a mellora de acceso aos pasos peonís, xa que se colocarán baldosas podotáctiles e se axeitarán ás pendentes dos vaos, algúns dos cales tamén se ampliará. A actuación completarase coa instalación de redutores de velocidade nos pasos situados na zona escolar e outras próximas ao centro de saúde.