Estás en:Novas

Europe Direct A Coruña celebra o Día de Europa cun espectáculo de maxia polos valores, símbolos e oportunidades da Unión Europa

'A Maxia de Europa' celébrase ás 18 horas do 9 de maio na Biblioteca Provincial e é preciso inscribirse para asistir debido ao aforo limitado

A función viaxará no mes de agosto, dentro da iniciativa Europa no teu Concello, a Pontedeume, Fene, Rois, Dumbría, Sada, Lousame, Valdoviño e Cabanas

Europe Direct A Coruña celebra o Día de Europa cun espectáculo de maxia polos valores, símbolos e oportunidades da Unión Europa

EUROPE DIRECT A Coruña convida á cidadanía a celebrar o Día de Europa cun espectáculo de maxia para descubrir os valores e as oportunidades da Unión Europea dun xeito lúdico. A representación terá lugar ás 18 horas do 9 de maio na sala Manuel López da Biblioteca Provincial da Coruña.

'A Maxia de Europa' reúne xogos, trucos, ilusións e humor para realizar unha viaxe máxica e dinámica para maiores e pequenos a través dos valores, símbolos, beneficios e algún dos programas da Unión Europea. O público asistente poderá seguir os trucos de maxia realizados coas bandeiras europea e dos estados membro ou a moeda común, entre outros elementos. O espectáculo estará guiado polo mago Pedro Bugarín, un ilusionista con máis de 15 anos de experiencia no seu eido e que tamén ten vivido múltiples experiencias de mobilidade en Europa.

O aforo da sala é limitado polo que, para asistir, é preciso reservar praza no seguinte formulario: https://dacoruna.gal/biblioteca/actividades

A función do Día de Europa será a primeira dun espectáculo que visitará varios concellos da provincia durante os meses de verán. Dentro da programación da iniciativa Europa no teu Concello, que busca achegar e descentralizar a información sobre a Unión Europea a toda a cidadanía da provincia, 'A maxia de Europa' chegará no mes de agosto a Pontedeume, Fene, Rois, Dumbría, Sada, Lousame, Valdoviño e Cabanas. Toda a información dispoñible está recollida na páxina https://dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2023/la-magia-de-europa/

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.