Estás en:Biblioteca Actividades

Actividades

Ler teatro : Obradoiro de novas experiencias lectoras

 O teatro tamén é literatura. Lese pouco. Vese pouco nas librarías. Apenas figura nos programas escolares. É certo. Pero, como podemos xogar cun texto literario na intimidade da experiencia lectora? Que ten este xénero literario de especial? Que hai de diferencial nun guión que apela constantemente ao voo da escena? Velaquí un programa para lermos, contextualizar e descubrir escritoras e escritores teatrais das nosas letras e do noso proceso de emerxencia cultural. O teatro galego a súa historia recente e a súa lectura.

Coordinador: Roberto Pascual, gañador do XX Premio Rafael Dieste 2021
Días: os xoves 18, 25 de setembro, e 2 e 9 de outubro do 2025
Hora: 19:00 - 20:30 h
Prazas: 25
Lugar: Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña. Sala César Antonio Molina e Mercedes Monmany

ACTIVIDADE CON INSCRICIÓN PREVIA: Inscrición a partir do 8 de setembro de 2025

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Programa

  • Día 1:  Xoves 18 de setembro de 2025. Hora 19:00 h. Sala CAM. Biblioteca Provincial

 A historia da literatura dramática galega foi estudada por varios especialistas. Laura Tato, Manuel Vieites, Dolores Vilavedra ou Henrique Rabuñal, entre outros, ofreceron varias posibilidades de periodización e sistematización dos trazos formais da literatura galega recente. Leremos textos representativos dos diferentes períodos que van da Xeración de 1925 á que pertence Rafael Dieste até a época Abrente e as novas voces xurdidas arredor da ESAD, do novo Abrente, das xornadas impulsadas pola Asociación DramaturgA ou de novos certames coma o Laudamuco.
Convidado/a: Lidia Veiga, actriz.

  • Día 2: Xoves 25 de setembro de 2025. Hora 19:00 h. Sala CAM. Biblioteca Provincial

Accións e intervencións, poesía, relato, trama e paisaxe. Como ler os diversos estilos teatrais? Unha peza pode ter unha estrutura en escenas, cadros, actos, capítulos... Pode ter personaxes ou voces, propor a construción de figuras de ficción ou de actantes-executantes. Pode contarnos unha historia ou recrear atmosferas e paisaxes. Pode ser un anaco de vida no teatro realista ou unha dilatación ou variación rítimica dunha situación ou ambiente no teatro máis simbolista. Pode ter unha trama secuencial ou fragmentada. A literatura dramática galega contemporánea ofrécenos todos eses exemplos. Leremos fragmentos de obras de Esther Carrodeguas, Roberto Salgueiro, Raúl Dans, Ana Abad de Larriva ou Avelina Pérez.

Convidada: Melania Cruz, actriz.

  • Día 3: Xoves 2 de outubro de 2025. Hora 19:00 h. Sala CAM. Biblioteca Provincial

Ler os Premios Rafael Dieste. O Premio Rafael Dieste é todo un referente de prestixio no sistema teatral galego. En 2021 chegou á súa edición número XX e grazas ao acordo de colaboración tamén coa ADE, dende hai uns anos conta cun impulso de tradución e edición bilingüe, con introducións críticas nas publicación desta Asociación de proxección estatal. Lecturas comentadas de fragmentos de Gustavo Pernas, Teresa Moure, Manuel Lourenzo e Roberto Vidal Bolaño.

Convidado/a: Marta Lado, dramaturga e actriz.

  • Día 4: Xoves 9 de outubro de 2025. Hora 19:00 h. Sala CAM. Biblioteca Provincial

Lemos o premio Rafael Dieste 2023 e conversamos co autor/a gañador/a do Premio Dieste 2025.

Convidado/a para lectura dramatizada:
Autor/a gañador/a do Premio Rafael Dieste 2025.

25 PRAZAS

 

CLUB DE LECTURA DIXITAL EBIBLIODACORUNA

Clubs_Set25.pngPara tomar parte precisas...

  • Estar de alta na eBiblioDaCoruna (Date de alta aquí).
  • Ter un dispositivo para ler (ordenador, tableta, móbil...).
  • Engadir a "favoritos", a sala (ou salas) das que se quere participar.
  • Prestar* o libro que se está lendo desde a pestana "Contido", ou lelo en papel.

(* O botón "Prestar" aparecerá na lapela "Contido" o día de comezo da lectura).

Programación de lecturas de setembro a decembro de 2025

No mes de setembro retoman a actividade as diferentes salas de lectura en liña do Club de lectura da provincia.
Diferentes propostas e temáticas ás que unirte para partillar e gozar da lectura en grupo!

Sala Arredor dos libros

(Sala de lectura de obras e autores do país (este trimestre celebrando o Ano Castelao 2025). Moderado por Patricia Cernadas Novo

  • Alfonso R. Castelao : a forxa dun mito, de Henrique Monteagudo. Do 29 de outubro ao 21 de novembro.
  • Alba de Groria, de Castelao. Do 4 ao 11 de decembro.
  • Cousas, de Castelao. Do 12 de decembro ao 22 de decembro.

 

Compartindo Lecturas

(Obras relevantes da literatura universal. Moderado por Patricia Cernadas)

  • La ciudad de los prodigios, de Eduardo Mendoza. Do 29 de setembro ao 31 de outubro.
  • Persuasión, de Jane Austen. Do 20 de novembro ao 15 de decembro.

 

Tinta e equidade

(Lecturas en igualdade de xénero - En colaboración coa área de Igualdade da Deputación da Coruña). Moderado por Maitane Vicente

  • O corpo de cristo, de Bea Lema. Do 1 de setembro ao 21 de setembro + Encontro dixital coa autora.
  • Las gratitudes, de Delphine de Vigan. Do 25 de setembro ao 19 de outubro.
  • O azul entre o ceo e a auga, de Susan Abulhawa. Do 22 de outubro ao 20 de novembro.
  • Hijas del miedo, de AMJE (Asociación de Mujeres Juezas de España). Do 24 de novembro ao 14 de decembro.
  • As despedidas, de Cecilia F. Santomé. Do 17 de decembro ao 7 de xaneiro + Encontro virtual coa autora.

 

Páxinas de orgullo

(Sala especializada en lecturas LGTBiQ+ - En colaboración coa área de Igualdade da Deputación da Coruña). Moderado por Nuria Vil

  • Nombres y animales, de Rita Indiana. Do 5 de setembro ao 25 de setembro.
  • O cento voando, Andrea Nunes Brión e Ánxela Lema París (coords.). Do 1 de outubro ao 21 de outubro.
  • Estremas, de Ana Romaní. Do 23 de outubro ao 17 de novembro.
  • (h)amor 6 trans, Varixs autorxs. Do 24 de novembro ao 15 de decembro.
  • Carol - Patricia Highsmith. Do 22 de decembro ao 12 de xaneiro.
  • Boulder [Audiolibro], de Eva Baltasar. Do 19 de xaneiro ao 9 de febreiro.

 

Lecturas na eBiblioDaCoruna nas datas indicadas!

 

 INFANCIA/MOCIDADE

  plastilina.jpg

OBRADOIRO "A TIRO DE VERSO"

O obradoiro "A tiro de verso" volve á Biblioteca Provincial da Coruña para fomentar a lectura de poesía en galego.

O departamento de Cultura da Deputación da Coruña promove a segunda edición deste obradoiro, coordinado por Apiario, ao abeiro do Premio González Garcés de Poesía

PRAZAS COMPLETAS

  • Día: MÉRCORES de 19:00 a 21 h.
  • Duración: 4 sesións. Días: 9, 16, 23 e 30 de outubro.
  • Prazas: 20
  • Data de comezo: mércores 6 de outubro
  • Poetas participantes: Emma Couceiro, Chus Pato, Miriam Ferradáns e Celso Fernández Sanmartín
  • Lugar: Sala César Antonio Molina – Mercedes Monmany. Biblioteca Provincial
  • Inscrición: na web da Biblioteca a partir do 23 de setembro

 

As persoas participantes no obradoiro rematarán a formación cunha listaxe de libros de poesía recomendados por Apiario e exemplares dos últimos Premios González Garcés da Deputación da Coruña.

Neste 2024, a área de Cultura da Deputación da Coruña segue apostando por reforzar as convocatorias dos seus premios literarios con actividades paralelas que fomenten a lectura e contribúan a tecer unha rede de espazos arredor da literatura.

A tiro de verso Instagram.png

 

Raiña lupa.jpg

O club de lectura sen complexos nin etiquetas que naceu en 2022 ao abeiro do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña

'Non hai idade, hai literatura' é a filosofía da que parte este club de lectura, para estender e socializar a idea de que a LIX vai máis aló do público estritamente infantil e xuvenil.

Está coordinado polo gañador da última edición do Premio, Lois Pérez, e participarán destacadas autoras e autores da LIX en galego.

Serán un total de 6 sesións (tres en primavera e tres no outono) o penúltimo venres do mes ás 18:00 h (marzo, abril e maio – setembro, outubro e novembro).

Terá lugar na Biblioteca provincial da Coruña baixo inscrición previa e está aberto tanto ao público máis novo como a calquera persoa adulta -nais, pais, irmáns, docentes, bibliotecarias- que desexe compartir experiencia lectora cos máis novos e novas.

Ofertaremos 25 prazas.

 

Calendario e lecturas:

- Venres 24 de marzo: Antía Yáñez – "Plan de rescate"

- Venres 21 de abril: Miguel López (El Hematocrítico) – "Dona Problemas"

- Venres 19 de maio: Marilar Aleixandre – "Nogard"

- Venres 22 de setembro María Reimóndez – "Cobiza"

- Venres 20 de outubro (18.30 h): Eva Mejuto – "A ladroa da biblioteca de Meirás"

- Venres 17 de novembro: Lois Pérez – "A tribo do mar"

 Inscrición

 

Inscrición no Club da Raíña Lupa (menores de idade)

Inscrición no Club da Raíña Lupa (maiores de idade)

 

 

 

A biblioteca da Deputación da Coruña ofrece visitas guiadas para escolares, mozos e grupos de adultos pertencentes a algún colectivo ou institución.

Ademais de coñecer as nosas instalacións, a visita pretende amosar todos os servizos, coleccións e actividades que ofrece a biblioteca. As visitas adecúanse ás necesidades e características de cada grupo, para que cada un encontre o seu sitio na biblioteca.

  • Se quere unha visita de adultos pode solicitalo enviando un correo electrónico a: biblioteca.info@dacoruna.gal no que se indique o número de persoas, a/s data/s nas que estarían interesados e un teléfono de contacto. Tamén pode solicitar a visita chamando ao número de telefono: 981 415 176.

 

  • A Bbtk Infantil e a Biblioteca Xuvenil da Deputación da Coruña ofrecen visitas guiadas a grupos escolares de idades comprendidas entre os 2 e os 17 anos. Con estas visitas preténdese que os nen@s coñezan como é unha biblioteca e as posibilidades que lles ofrece.

 

- No caso da Bbtk Infantil (hasta os 9 anos), trátase dunha actividade interactiva na que os nen@s están en todo momento en contacto cos libros: móstranselles diferentes tipos de materiais, resolven dúbidas... Ao final da visita permíteselles aos nenos moverse libremente pola biblioteca escollendo por si mesmos os libros que desexen. A visita terá unha duración de 45 minutos. Se está interesado en participar nesta actividade pode solicitalo enviando un correo electrónico ao seguinte enderezo: biblioteca.bebeteca@dacoruna.gal indicando o número de grupos, a súa idade, a/s data/s nas que estarían interesados e un teléfono de contacto.  Tamén pode solicitar a visita se chama ao número de telefono: 981 415 174 

No tocante á Biblioteca Xuvenil (de 9 a 17 anos), o alumnado fará un percorrido polas distintas seccións da biblioteca e descubrirán os fondos especiais, raros e curiosos de acceso restrinxido. A visita concluirá na sección Xuvenil. A duración da visita será de hora e media. Así mesmo, tamén se ofrecen visitas guiadas para alumnado de ciclos superiores ou universitarios con estudos relacionados coa infancia e/ou os libros. Se está interesado en participar nesta actividade pode solicitalo enviando un correo electrónico ao seguinte enderezo: biblioteca.infantilxuvenil@dacoruna.gal indicando o número de grupos, a súa idade, a/s data/s nas que estarían interesados e un teléfono de contacto. Tamén pode solicitar a visita se chama ao número de telefono: 981 415 171