Paisaxes literarias
Mostra bibliográfica dispoñible no vestíbulo da Biblioteca sobre literatura ambientada na provincia da Coruña.
O tema da paisaxe foi estudado directa e indirectamente ao longo do tempo por diversos grupos de profesionais. Entre os máis representativos atópanse os antropólogos, os arquitectos e especialmente os xeógrafos. Cada un deles achega dende a súa disciplina os seus respectivos saberes, coñecementos clave que permiten comprender unha paisaxe determinada. A eles hai que engadir o importante papel que teñen os pintores, a través dos seus cadros, e os literatos, mediante as súas novelas, plasmando unha paisaxe que pode ir desde representacións fieis ao existente na realidade (máis obxectivo), ata obras nas que se representa a idea que eles mesmos teñen dun espazo (máis subxectivo).
Nesta exposición podemos atopar os dous tipos de paisaxe que podemos recoñecer en función da súa interpretación:
- Por unha banda temos a paisaxe como territorio, o cal se define como un espazo físico con determinados elementos ligados entre si. Así o plasmarían xeógrafos ou os naturalistas, por exemplo.
- Doutra banda está a visión da imaxe creada da contorna, a cal identifica a paisaxe cunha imaxe que construímos en función de vivencias, experiencias ou de algo que nos evoca. Esta última construción plasmaríase, por exemplo, nas novelas que situamos en localizacións reais pero que enchemos con ficción para crear unha nova paisaxe. Deste xeito, esta mostra pretende dar esa dobre visión da paisaxe da provincia mediante unha selección de materiais que abarcan desde novelas ambientadas nos distintos concellos ou comarcas, ata descricións ou estudos de espazos concretos como a Costa da Morte ou as Dunas de Corrubedo.
Pódese visitar esta exposición de balde no vestíbulo da Biblioteca en horario de apertura, e acceder á guía premendo aquí.