A Deputación adxudica por 404.295 euros as obras de mellora da seguridade estrada DP-5201 de Muxía a Touriñán pola costa
Construirase unha glorieta na intersección que comunica os lugares de Serantes, Cartel e O Vilariño e coa DP 2303
Renovarase o firme dos primeiros 2,5 quilómetros da vía
A Deputación da Coruña adxudicou por 404.295 euros as obras de mellora da seguridade da estrada provincial DP 5201 de Muxía a Touriñán pola costa, que consistirán na execución dunha nova rotonda á altura do punto quilométrico 2+475, na actual intersección que comunica esta vía coa estrada municipal que dá acceso aos lugares de Serantes, Cartel e O Vilariño e coa estrada DP 2303.
O cambio desta intersección por unha glorieta proporcionará unha mellora na seguridade neste punto e unha mellor ordenación do tráfico rodado. A rotonda terá un diámetro máximo de 30 metros, cunha calzada anular de 8 metros de ancho e un diámetro central de 11 metros. Ademáis, estará iluminada cunha luminaria de 3 brazos situada na isleta central.
Ademáis renovarase o firme nos primeiros 2,5 quilómetros da vía cunha nova capa de mestura bituminosa en quente que substituirá o firme actual de regos con grava.
O proxecto incluirá a resposición das marcas viarias, así como a instalación de nova sinalización horizontal e vertical da glorieta.
As obras comezarán este mesmo verán e o prazo de execución é de cinco meses