Estás en:Novas

Fisterra, Ares, Brión, Narón, A Laracha e A Coruña acollen os concertos de Espazos Sonoros da Deputación da Coruña

Espazos Sonoros une música e patrimonio nunha experiencia que permite descubir a riqueza patrimonial, cultural e etnográfica da provincia

Santa María dos Ánxeles (Brión), San Martiño de Xuvia (Narón), San Pedro de Soandres (A Laracha), o Muncyt da Coruña ou a lonxa de Fisterra serán os privilexiados escenarios destes concertos

Fisterra, Ares, Brión, Narón, A Laracha e A Coruña acollen os concertos de Espazos Sonoros da Deputación da Coruña

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Lois Penas Corral, e a directora artística do Espazos Sonoros, Belén Bermejo López, presentaron esta mañá unha nova edición do festival, unha iniciativa coa que a Deputación da Coruña busca "unir música e patrimonio cultural nunha experiencia necesaria, das que hai moi poucas neste país", explicou Penas.

Fisterra, Ares, Brión, A Laracha, e a cidade da Coruña acollerán este ano os concertos de Espazos Sonoros, que se desenvolverán entre o 2 e o 24 de setembro en espazos singulares da arquitectura relixiosa da provincia coma a igrexa de Santa María do Ánxeles (Brión), San Martiño de Xuvia (Narón), San Pedro de Soandres (A Laracha), ou civil coma o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña ou a lonxa de Fisterra.

"Espazos Sonoros non vai só de música clásica. Fala do noso país, da nosa cultura, de moitas cousas que axudan a crear territorio", explicou o deputado de Patrimonio, que sinalou que a actividade axuda a descubrir ou valorizar "espazos patrimoniais que ás veces temos esquecidos".

A coordinadora do certame, Belén Bermejo, destacou que Espazos Sonoros "busca a coherencia" entre a música e o lugar onde se desenvolven os concertos e detallou que a programación musical compleméntase con visitas guiadas e roteiros que axudan a interpretar a historia ou a riqueza patrimonial, etnográfica e natural destes enclaves tan especiais. Así, por exemplo, desenvolveranse unha ruta polos muíños do río Anllóns, unha ruta marítima polas baterías de costa de Fisterra ou un obradoiro de achegamento á música antiga en Santa Catalina de Montefaro (Ares).

Segundo explicou Bermejo, o elenco de artistas inclúe a grupos e solistas consolidados do país con formacións internacionais coma Ugía Pedreira, Hulegas Ensemble, o Grupo Instrumental Siglo XXI ou Almalé.

A entrada aos concertos é libre ata completar o aforo, mais é necesaria a inscrición previa para as actividades, visitas e roteiros previos aos concertos, que pode formalizarse na web http://espazossonoros.org/

PROGRAMACIÓN DE ESPAZOS SONOROS 2023

Sábado 2 de setembro, 19.00 h

CONCERTO INAUGURAL

A Pedreira

Lonxa de Fisterra, Fisterra (A Coruña)

Coñece o teu patrimonio. Ás 14.30 h, ruta marítima polas baterías de costa de Fisterra

Domingo 3 de setembro, 12.00 h

OBRADOIRO DE ACHEGAMENTO Á MÚSICA ANTIGA

Santa Catalina de Montefaro, Ares (A Coruña)

Coñece o teu patrimonio. Ás 15.00 h, visita guiada polo espazo

Sábado 9 de setembro, 19.00 h

Huelgas Ensemble

Santa María dos Ánxeles, Brión (A Coruña)

Sábado 16 de setembro, 19.00 h

Ala Aurea

Igrexa de San Martiño de Xuvia, Narón (A Coruña)

Coñece o teu patrimonio. Ás 17.00 h, unha tarde con Hildegard

Sábado 23 de setembro, 19.00 h

Almalé

San Pedro de Soandres, A Laracha (A Coruña)

Coñece o teu patrimonio. Ás 15.45 h,ruta de Gabenlle e muíños do río Anllóns

Domingo 24 de setembro, 12.30 h

CLAUSURA

Grupo Instrumental Siglo XX e Erea Blanco

Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, A Coruña

Coñece o teu patrimonio. Ás 11.00 h, visita guiada polo museo