A Deputación aproba a modificación do proxecto de ampliación da estrada DP-7802 de Roxos a Reborido, en Santiago
O orzamento increméntase en 146.511 euros e ascende a 1.005.806 euros
A Deputación da Coruña aprobou no pleno ordinario celebrado hoxe, 29 de setembro, a modificación do proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial DP - 7802 de Roxos a Reborido, en Santiago de Compostela.
A existencia de postes dos tendidos eléctrico e telefónico na zona de ampliación de calzada e a necesidade da súa retirada para a correcta execución das obras xa obrigara, nunha primeira modificación, á concesión dunha prórroga de 11 meses.
Posteriormente, e unha vez xa iniciados os traballos de movemento de terras na zona, comprobouse a existencia de servizos municipais de abastecemento e saneamento que impedían a correcta execución das obras proxectadas. Isto provoca a inclusión no orzamento de acondicionamentos de accesos, a construción dun dique e unha barreira de contención, así como as aletas da estrutura. Ademais, debido á dificultade de acceso ás vivendas en distintos puntos, proxéctase a redución da calzada nun metro.
Para as obras obtense un orzamento de execución de 1.005.806,10 euros, o que supón un incremento de 146.511, 40 respecto ao anterior.
A actuación consiste na ampliación e mellora do trazado desta estrada, co fin de conseguir unha plataforma de oito metros, composta por seis metros de calzada e dúas beiravías dun metro.
Os terreos necesarios para levar a cabo os traballos de mellora, que contan cun prazo de execución de nove meses, xa están a disposición.