A Deputación prevé abrir ao tráfico a ponte da estrada de Caxadas a Baíñas, en Vimianzo, a mediados do mes de novembro
A Deputación da Coruña prevé abrir ao tráfico a ponte que une Caxadas a Baíñas a mediados do mes de novembro.
As obras de ampliación e mellora da estrada DP 9203 avanzan a bo ritmo e supoñen un importante investimento de preto de 1,5 millóns de euros.
As obras contemplan unha reparación integral da ponte sobre o río Castro, o que obrigou a cortar o tráfico tivo e establecer a correspondente alternativa de circulación.
Esta obra permitirá construír unha senda peonil de case dous quilómetros de lonxitude e mellorar o sinuoso trazado da vía no núcleo de Padreiro, que presentaba curvas perigosas nas que se rexistrou de sempre unha alta sinistralidade.
A estrutura ao paso do río Castro será renovada completamente e terá capacidade para desaugar, algo para o que non estaba preparada ata o momento. Os traballos están seguindo os pasos previstos e cúmprense os prazos de obra.
Esta semana visitaron a intervención a alcaldesa e deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, o concelleiro de Obras e Urbanismo de Vimianzo, Miguel Ángel Pérez e os dous directores de obra.
A rexedora e deputada provincial de Obras recalcou "o papel fundamental da Deputación da Coruña para que unha das obras máis importantes para Vimianzo nos últimos 10 anos sexa unha realidade", e subliñou que "aínda que as molestias agora son evidentes, porque tivemos que cambiar a maneira de circular da veciñanza da zona, así como tamén de vehículos pesados, isto suporá un antes e un despois".