A Deputación elimina un punto negro da estrada provincial DP-2403 ao seu paso por Queixas, en Cerceda
A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, acompañada do alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e os concelleiros Francisco Boquete e Jesús Rama, supervisaron o resultado das obras, que supuxeron un investimento de 166.000 euros
As obras incluíron a modificación do trazado, ancheamento da calzada e dotación dun carril de aceleración e supoñen unha notable mellora da seguridade neste punto, que dá acceso a Ubal
A Deputación da Coruña vén de finalizar unha das intervencións máis necesarias dos derradeiros anos na estrada provincial DP-2403 ao seu paso pola parroquia de Queixas, no Concello de Cerceda, e que elimina un punto negro da estrada, que sempre rexistrou unha alta sinistralidade.
Esta mañá visitaron a zona a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, acompañada do alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e os concelleiros Francisco Boquete e Jesús Rama.
Nos vindeiros días instalarase a sinalización horizontal correspondente, e xa está executado o pintado do asfalto, que é novo. Levouse a cabo a modificación da intersección coa estrada municipal que dá acceso ao núcleo de Ubal, contemplando un carril central de agarda que contribúe á mellora da visibilidade e a seguridade do tráfico na zona.
A nova sección transversal, entre os puntos quilométricos 4+680 e 4+925, está conformada por carrís de 3,5 metros de ancho, beiravías de 1 metro en ambas marxes e o devandito carril de incorporación de 3 metros.
Mónica Rodríguez destacou durante a visita que "a pesar de ser unha intervención dunha índole técnica distinta ao que estamos acostumados e acostumadas, xa que houbo que modificar o trazado, o resultado salta á vista", e asegurou que "a seguridade viaria nesta zona verase incrementada, cuestión prioritaria para o goberno provincial".
Pola súa banda, o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, lembrou que esta obra "foi unha das primeiras peticións que lle fixen ao presidente Valentín González Formoso como alcalde" e agradeceu o cumprimento deste compromiso, "que supón unha mellora moi importante na seguridade ao incrementar o ancho da estrada, mellorar a visibilidade e a intersección que dá acceso a Ubal", subliñou.
O rexedor agradeceu esta primeira visita a Cerceda de Mónica Rodríguez como deputada responsable de Vías e Obras e trasladoulle outros proxectos e necesidades en materia de mellora das estradas provinciais do municipio.
Juan Manuel Rodríguez agradeceu tamén "o apoio constante da Deputación a Cerceda" en materias como as obras, o emprego ou os servizos sociais, que axudan a atender as necesidades do municipio.