A Deputación licita por 133.896 euros as obras de construción dunha senda peonil en Biduído, no Concello de Ames
As obras mellorarán a seguridade peonil na estrada DP 0206 á altura do PQ 2+000
Construirase un itinerario peonil seguro cunha lonxitude de 328 metros e 2 metros de ancho
A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación das obras de construción dunha senda peonil na parroquia de Biduído, no Concello de Ames, cun orzamento de 133.896 euros. O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o 6 de novembro.
A actuación proxectada está encamiñada á creación dun itinerario peonil continuo e segregado cunha lonxitude de 328 metros e 2 metros de ancho. O pavimento estará composto de 20 cm de xabre e 15 cm de formigón desactivado para deixar o árido descuberto.
Tamén se creará unha pequena superficie para facilitar o estacionamento de vehículos entre a senda e a estrada, empregando xabre e formigón con mallazo.
No treito de senda que discorre entre o acceso á igrexa e a súa conexión coa beiravía da estrada acondicionarase o recheo con terra vexetal e a plantación de céspede. A restauración do vexetal dos noiros resultantes do movemento de terras realizarase mediante hidrosementeira.
Para a rede de drenaxe empregarase canalización soterrada de PVC, pozos de rexistro e sumidoiros. No extremo exterior da senda disporase un bordo de delimitación para o encanamento da escorrentía superficial. Será preciso executar a ampliación dunha obra de drenaxe con tubo de formigón armado, arqueta para colector con reixa e embocadura e aletas con encachado de pedra e a cuberta dunha obra de drenaxe mediante unha arqueta de tres parámetros.
As actuacións completaranse coa colocación dunha varanda modular en aceiro inoxidable para a contención dos peóns e catro bancos formados por dous dados de pedra granítica e asento en listóns de madeira.