A deputada de Vías e Obras supervisa en Muxía as obras de mellora da estrada provincial DP-5201
A deputada de Vías e Obras da Deputación da Coruña, Mónica Rodríguez, visitou o Concello de Muxía para supervisar as obras de mellora na estrada DP 5201 de Muxía a Touriñán pola costa, que conecta Lourido-Vilariño-Muxía.
Acompañada do alcalde, Iago Toba, de membros do goberno municipal muxián e de técnicos do departamento de estradas provincial, Mónica Rodríguez interesouse polos detalles do proxecto e os avances na execución das obras.
Entre os temas acordados estiveron as propostas do goberno local, como o de aproveitar o novo firme de aglomerado para "trasladar a senda peonil á zona de costa e que as persoas viandantes poidan desfrutar con maior seguridade da contorna tan privilexiada que temos en Muxía", indicou o alcalde, Iago Toba.
Outro dos asuntos concordados foi a localización do novo punto de conexión eléctrica, que se situará preto do campo de fútbol da Arliña, outorgando así máis puntos de luz na zona e o futuro reforzo da conexión cos equipamentos da instalación deportiva. Neste mesmo punto tamén se pactou a realización dunha canalización para a futura instalación de iluminación a deseñar nesa zona.
Tras a reunión, a deputada de Vías e Obras destacou "a total predisposición e a aposta clara da Deputación da Coruña con esta comarca e con Muxía, xa que este investimento de máis de 425.000 euros son un claro exemplo do compromiso adquirido".
Pola súa banda, Toba agradeceu a visita e destacou o "pracer que é recibir a primeira visita a Muxía de Mónica Rodríguez como deputada de Obras nestes primeiros meses de arranque do novo mandato da Deputación, e facelo para ver in situ como se dá solución a unha demanda tan importante. Ademais, esta actuación evita o perigo nunha zona de cruce actualmente insegura".
"Este gran investimento repercutirá non só na seguridade da veciñanza senón que tamén porá en valor unha zona tan privilexiada do noso municipio como é o camiño de Muxía ao cruce con Lourido. Con esta importante obra, damos solución a outra demanda histórica da veciñanza e afianzamos un investimento real de dous millóns de euros nestes primeiros meses de mandato, a pesar das trabas e impedimentos da oposición", engadiu Toba.
O concelleiro de Obras, Javier Romar, tamén puxo en valor que "este financiamento récord que se está a facer actualmente en Muxía non é máis que unha realidade latente da actividade que este goberno promove. Seguiremos traballando nesta liña porque é a resposta á confianza que a veciñanza depositaron en nós e nas nosas capacidades".
As obras consisten na execución dunha nova rotonda á altura do punto quilométrico 2+475, na actual intersección que comunica esta vía coa estrada municipal que dá acceso aos lugares de Serantes, Cartel e O Vilariño e coa estrada DP 2303.
O cambio desta intersección por unha glorieta proporcionará unha mellora na seguridade neste punto e unha mellor ordenación do tráfico rodado. A rotonda ten un diámetro máximo de 30 metros, cunha calzada anular de 8 metros de ancho e un diámetro central de 11 metros.
Ademais renovarase o firme nos primeiros 2,5 quilómetros da vía cunha nova capa de mestura bituminosa en quente que substituirá o firme actual de regos con grava.