A Deputación e a USC asinan un convenio para a valorización do Patrimonio Natural da Serra do Careón
A entidade provincial financiará o proxecto con 50.000€
Na sinatura do convenio participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e o reitor da USC, Antonio López
O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre ambas institucións para a posta en valor do patrimonio natural da Serra do Careón. A Deputación da Coruña achegará 50.000€ para o proxecto.
Este orzamento destinarase a mellorar as condicións do contorno da Serra do Careón para a súa promoción e conservación. "A protección do noso patrimonio e biodiversidade é unha prioridade" afirma Penas, "por iso queremos contribuir ao coidado dun dos espazos protexidos de maior singularidade edáfica e botánica da provincia".
Concretamente, neste proxecto, denominado "Posta en valor do patrimonio natural da Serra do Careón", o departamento de Botánica da USC a través do Grupo de Investigación "Análise e Conservación da Biodiversidade" tratará de sentar as bases para valorizar o espazo entre a cidadanía, e cimentar nun coñecemento actualizado e multidisciplinar unha proposta de plan de conservación.
"Dende a Deputación somos conscientes da importancia do labor que a USC desenvolve, sobre todo na análise e conservación do patrimionio natural e a biodiversidade e na mellora do medioambiente" explica o deputado. "E a sinatura deste convenio así o demostra", engade.