Lingua galega e ciencia van da man na campaña en redes sociais #AsPalabrasdaCiencia da Deputación
A área de Normalización Lingüística celebra o Mes da Ciencia en Galego subliñando a importancia de dinamizar o noso idioma neste eido
A campaña #AsPalabrasdaCiencia sorteará lotes de libros de divulgación científica en galego entre os internautas que axuden a difundila
"O galego é unha lingua útil e válida para facer ciencia, falar de ciencia, ensinar ciencia e divulgar ciencia". A Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña subliña o compromiso da institución provincial co mundo científico e a importancia de dinamizar a lingua nunha área de tanta referencia social, botando a andar, por terceiro ano consecutivo, a iniciativa #AsPalabrasdaCiencia.
A campaña comezará a partir da celebración do Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, efeméride que a UNESCO convida a celebrar cada outono o 10 de novembro, e estenderase en internet durante todo o mes.
En galego tamén se constrúe ciencia
O proxecto abre unha fiestra ao labor de tantas mulleres e homes que traballan ao longo de todo o ano en múltiples disciplinas científicas, e quéreo facer coas nosas palabras, coa nosa lingua, porque en galego tamén se constrúe ciencia.
En edicións anteriores puidemos ver as reflexións de prestixiosos profesionais da ciencia como Sonia Villapol, Ana Oitabén, Juan Casto, Susana Ladra ou Diego Conde, coñecer máis do extraordinario traballo divulgativo de xente como María Canosa, Xulia Pisón ou Estíbaliz Espinosa e lembrar a importancia de referentes históricos como Ánxeles Alvariño ou Ángela Ruíz Robles. Por outro lado, foron tema tamén o cambio climático ou as oportunidades da tecnoloxía para o traballo en prol da inclusión. E reparamos en espazos como As Torres do Allo ou o Centro de interpretación da natureza de Coirós. A Estrela Rosalía, Domingo Fontán ou o Xeoparque Cabo Ortegal asomaron tamén ás redes da Deputación en contidos que poden verse no arquivo da Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.
A campaña en 2023, que contará cunha imaxe gráfica propia, espallará nas redes sociais da institución provincial (Facebook, Twitter e Instagram) contidos que asocian os valores da ciencia co uso do noso idioma. A través deles achegarémonos a persoas e centros de referencia na investigación e divulgación e repasaremos fitos históricos da nosa ciencia. Tamén coñeceremos proxectos que se desenvolven na nosa provincia e que teñen o apoio da Deputación da Coruña.
Sorteo e participación dos internautas
Os internautas serán os protagonistas e motor principal desta campaña. #AsPalabrasdaCiencia convídanos a difundir os contidos que se xeren ao longo de todo o mes para que cheguen ao maior número de usuarios posible. Entre todas as persoas que colaboren nesta campaña sortearanse lotes de libros de ciencia en galego.