A Deputación e o Concello de Muxía estudan melloras na rede de estradas do municipio
A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, mantivo unha reunión co equipo de goberno liderado por Iago Toba para abordar as necesidades de mellora nas estradas de Muxía
Acordaron un estudo sobre o acondicionamento da vía de Salgueiros a Caberta, que une o municipio con Dumbría, así como o proxecto de construción da estrada de Lourido a O Seixo.
Deputación e Concello estableceron manter reunións periódicas para seguir avanzando nestes proxectos.
A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Muxía, Iago Toba, e os membros do seu goberno municipal para abordar as necesidades de mellora nas estadas da Deputación no termo municipal muxián.
Xunto a Toba estiveron na reunión o concelleiro de Obras, Javier Romar, e a tenente de alcalde, Olalla Benlloch, e entre os temas tratados estivo a necesidade de realizar un estudo do acondicionamento da vía de Salgueiros a Caberta, que une o municipio con Dumbría, así como o proxecto de construción da estrada de Lourido a O Seixo.
Tras a xuntanza, Mónica Rodríguez explicou que a reunión enmárcase na rolda de contactos que está mantendo cos concellos para coñecer in situ o estado das obras da Deputación, así como as necesidades que detectan os alcaldes e alcaldesa en canto a cuestións relativas á seguridade da rede provincial de estradas.
O alcalde, Iago Toba quixo agradecer a "predisposición e o compromiso constante que ten a deputada Mónica Rodríguez co noso municipio" e destacou que "a nosa idea de goberno é a de continuar mellorando as infraestruturas de Muxía e seguir traballando en coordinación con todas as administracións".
Deputación e Concello de Muxía acordaron manter este tipo de reunións de xeito periódico para seguir avanzando nestes proxectos e en futuros plans de obras.