A Deputación destina 101.000€ para rematar a senda peonil na DP 4901 do Concello de Moeche
Finalizarase o tramo de senda, que estaba pendente, con pavimento de formigón previa execución do muro de contención con dique e saneamento da base con xabre, así como tamén a finalización das obras de drenaxe.
Con esta actuación mellorarase a seguridade peonil e do tráfico rodado nesta estrada que conecta os Concellos de Moeche e As Somozas.
A Deputación da Coruña aprobou no día de hoxe en Comisión de Goberno destinar 101.420 euros ao proxecto para rematar a mellora da seguridade na DP - 4901, que vai de San Ramón ao Concello das Somozas, en Moeche. O investimento será aprobado no pleno do vindeiro 24 de novembro.
As obras do proxecto consistirán, por unha banda, na realización dos traballos previos de regularización e reparación das beiravías da estrada con grava e tratamentos superficiais.
A continuación procederase a finalizar o tramo de senda, que estaba pendente, con pavimento de formigón previa execución do muro de contención con dique e saneamento da base con xabre, así como tamén a finalización das obras de drenaxe.
Subirase o nivel dos sumidoiros, xa que na actualidade se encontran no mesmo rasante que a beiravía da estrada, executando macádam bituminoso e colocándoos a cota unha vez estendida a capa de mestura de bituminosa en quente.
Posteriormente incluirase unha capa de rodaxe de 5 cm de espesor e unha regularización do firme con mestura bituminosa en quente de espesor medio de 1 cm.
Por último, colocarase o balizamento e a sinalización horizontal e vertical necesarias.
O prazo de execución será de catro meses a partir da data de sinatura da acta de comprobación do trazado de planta.
Con esta actuación, necesaria para reparar e corrixir os defectos nas obras realizadas polo anterior contratista e para finalizar a actuación iniciada, mellorarase a seguridade peonil e do tráfico rodado nesta estrada que conecta os Concellos de Moeche e As Somozas.