A Deputación visita o Concello de Fene para analizar o estado de varias estradas
As deputadas Mónica Rodríguez e Cristina García mantiveron unha reunión co equipo de goberno do Concello
Na xuntanza acordouse comenzar os estudos para a valoración económica e técnica de varias estradas
As deputadas de vías e obras, Mónica Rodríguez, e de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García, visitaron o Concello de Fene, onde mantiveron unha reunión co equipo de goberno encabezado polo alcalde, Juventino Trigo e as concelleiras Sandra Permuy, Cristina García, Ángeles Coira e Manuel Polo.
A xuntanza serviu de punto de partida para iniciar os estudos para a posterior valoración económica e técnica de varias estradas. En concreto, trátase de tres actuacións, que xa foron anunciadas polo presidente da Deputación nunha visita anterior ao municipio.
A primeira é a ampliación da senda peonil na DP 3501 Limodre a Maniños, dende a Torre de Borrás a Barallobre. Os tramos de cada ampliación decidiranse segundo o resultado dos estudos técnicos.
A segunda, é a cesión do tramo urbano da DP 1503 de Perlío a Lavandeira de, aproximadamente, 600 m. ao Concello de Fene. E, a terceira, a ampliación da senda peonil na DP 3503 DE Maniños á estrada AC-121 en Sillobre por San Marcos, dende o instituto de educación secundaria ata o cemiterio.
Deputación e Concello coincidiron, así, na necesidade de levar a cabo estas actuacións, e acordaron a súa valoración previa para posteriormente levalas a cabo.