A Deputación e o Concello de Boiro avalían a posta en marcha de proxectos comúns que melloren as vías provinciais no municipio
A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, mantivo unha reunión na sede da Deputación co alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o concelleiro de Urbanismo e Obras, Luís Ruiz, para a posta en común de proxectos en estradas de titularidade provincial.
Un dos temas tratados na xuntanza foi o vial que vai de Saltiño a Berres, que une dúas estradas de titularidade provincial e que conta co compromiso da Deputación da Coruña para a súa execución. Trátase dun vial de 950 metros de lonxitude que vai mellorar as conexións entre Cabo de Cruz e Abanqueiro e desviar o tráfico pesado do núcleo urbano.
"Neste momento estamos a realizar os tramites previos precisos en canto á obtención das distintas autorizacións para a realización do proxecto", afirmou o alcalde. A variante consiste na creación dunha plataforma con dous carrís de 3,5 metros, carril bici e sendas peonís a ambas marxes da estrada.
Na xuntanza revisáronse tamén os puntos máis conflitivos das estradas provinciais co obxectivo de traballar en actuacións que melloren a seguridade viaria; así como a revisión do estado do pavimento en vías provinciais para incluír no Plan de Conservación de vías que a Deputación da Coruña leva a cabo cada ano.