A Deputación promocionará a vieira e a zamburiña da ría de Ferrol
Valentín González Formoso comprometeuse coa confraría a renovar o convenio para a festa de exaltación da vieira e anunciou que a Deputación colaborará na promoción da zamburiña e a vieira de Ferrol
O patrón maior, Gustavo Chacartegui, mostroulle o seu agradecemento "por publicitar os produtos locais e darlles máis valor"
A Deputación da Coruña vai promocionar a vieira e a zamburiña da ría de Ferrol a través das feiras gastronómicas nas que participa e nas distintas campañas de promoción de produtos locais que desenvolve a institución dentro e fóra da provincia . Así o explicou esta mañá o presidente Valentín González Formoso que, xunto á deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou a Confraría de Pescadores e Mariscadores da cidade, onde mantivo un encontro co patrón maior, Gustavo Chacartegui, e coa directiva do pósito.
A iniciativa artellarase a través dunha campaña de difusión dos produtos locais na que a Deputación xa está a traballar e na que, xunto a alimentos emblemáticos da gastronomía da provincia, como son os pementos de Padrón ou o queixo de Arzúa, ocuparán un lugar destacado os bivalvos da ría ferrolá. A intención é que, ademais de exhibilos dentro do propio territorio, ocupen un lugar moi relevante en eventos fóra da comunidade autónoma nos que tamén acostuma participar a Deputación.
Por outra banda, Formoso comprometeuse co patrón maior a renovar o convenio que Deputación e confraría asinaron xa o ano pasado para a exaltación da vieira da ría durante a celebración da popular festa da Parrocheira, no barrio de Ferrol Vello.
O presidente provincial destacou que a relación coa confraría é sempre "moi constante e construtiva", e púxoa como exemplo de dinamización. "Ten moitos proxectos que axudan a poñer en valor o sector", dixo. Falou tamén da situación dunha ría "que pode ser máis produtiva" e na que, considera, hai que investir para "rexenerala entre todas as administracións". Formoso comprometeuse con seguir axudando aos profesionais en cuestións como a promoción, a formación ou a renovación de equipos e lembrou que a Deputación, "aínda que non ten competencias, bota unha man no que pode, como en financiar o sostemento dunha parte dos traballadores".
Gustavo Chacartegui mostroulle ao presidente o seu agradecemento por darlle á confraría a posibilidade de "publicitar os produtos locais e darlles máis valor, contribuír a que a xente coñeza os produtos de primeira calidade que temos na ría de Ferrol e que non temos nada que envexar a outras rías". O patrón maior destacou, nese senso, a calidade do marisco ferrolán, que ten "a mesma ou máis" que a de outros puntos da costa galega, asegurou.
A Deputación da Coruña destina cada ano medio millón de euros a contribuír ao sostemento da actividade das confrarías da provincia. As axudas que destina ás 29 confrarías teñen como fin, entre outros aspectos, apoiar a modernización da actividade que desenvolven e a contratación de persoal.