A Deputación prevé rematar as obras da rotonda de acceso ao Parador de Muxía antes de Semana Santa
As obras na DP 5101 están xa moi avanzadas e quedan pendentes os traballos de pavimentación e pintado para os que é necesario que as condicións climatolóxicas sexan boas
A Deputación da Coruña prevé rematar as obras da nova rotonda da estrada provincial DP 5101 de Muxía a Touriñán pola costa antes da Semana Santa.
Técnicos do departamento de Vías e Obras da institución provincial estiveron estes días supervisando os traballos, que xa se atopan nunha avanzada fase de execución, aínda que quedan pendentes as tarefas de pavimentación, pintado e outros de remate, para os que son necesarios varios días consecutivos con boas condicións climatolóxicas.
As obras, financiadas pola Deputación, supoñen un investimento de 404.295 euros e consisten la execución dunha rotonda cun diámetro de 30 metros no punto quilométrico 2+475, unha estrada anular de 8 metros de ancho e un diámetro central de 11 metros. A rotonda estará iluminada cunha luminaria de 3 brazos situada na illeta central.
Ademais, o proxecto contempla a renovación do firme nos primeiros 2,5 quilómetros do vial cunha nova capa de mestura bituminosa en quente que substituirá ao antigo firme de regos con gravilla.
A actuación supón unha notable mellora da seguridade viaria e da ordenación do tráfico neste punto, onde había unha intersección para dar acceso aos lugares de Serantes, Cartel e O Vilariño e conectar coa estrada DP 2303 e co Parador de Muxía.