Estás en:Novas

A Deputación apoia con 339.000 euros 18 proxectos de cooperación ao desenvolvemento

Entre os programas figuran "Escola Coruña", para o mantemento dun centro educativo en Senegal, ou "Viaxe cara a vida", que permite traer a nenos e nenas de países africanos para ser operados no CHUAC

A Deputación apoia con 339.000 euros 18 proxectos de cooperación ao desenvolvemento

A Deputación da Coruña apoia este ano dezaoito iniciativas de cooperación ao desenvolvemento doutras tantas ONG con axudas por importe de 339.842 euros. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a concesión das subvencións nese ámbito, para as que se habilitaron dous programas: un, para o sostemento de proxectos de investimentos, e o outro, para o cofinanciamento de actividades. En ambos os dous casos, as beneficiarias son entidades sen fins de lucro.

Con estas axudas, a administración provincial contribúe ao mantemento de iniciativas como "Escola Coruña", de EcoDesarrollo Gaia, a través da que se mantén en funcionamento un centro educativo en Senegal, ou "Viaxe cara a vida", de Tierra de Hombres, que permite traer cada ano a Galicia a nenas e nenos de países africanos para que sexan operados no CHUAC.

Outros exemplos de proxectos que se van beneficiar son a construción de infraestruturas de abastecemento de auga e de saneamento para familias vulnerables da comunidade Mam Cajolá, en Guatemala, que desenvolve Arquitectura sin Fronteras España, ou un programa da Asamblea de Cooperación por la Paz para a restitución de terras de vítimas do conflito armado colombiano no departamento de Antioquía.

Subvencións de 5.000 a 32.000 euros

A liña de axudas destinada a investimentos apoiará un total de 7 proxectos, que contarán cunha achega provincial de 171.220 euros. Pola súa banda, a concesión de subvencións para o cofinanciamento de actividades no ámbito da cooperación ao desenvolvemento durante este 2024 goza dun importe de 168.622 euros, que se destinan a un total de 11 iniciativas. Os importes das subvencións concedidas en ambos os dous casos van desde os 5.000 ata os 32.000 euros.

Estas axudas van encamiñadas a apoiar os países e comunidades máis desfavorecidos, co fin de contribuír ao progreso humano a través de diferentes accións, como impulsar o desenvolvemento sostible, favorecer o benestar social, erradicar a pobreza ou potenciar a defensa dos dereitos humanos.

Segundo apuntou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, "desde hai máis dunha década a institución provincial vén prestando apoio aos axentes da cooperación galega, principalmente aos da provincia da Coruña, financiando proxectos que levan a solidariedade coruñesa arredor do mundo e que melloran a vida de miles de persoas".

Acceso ás resolucións publicadas no BOP:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2024/02/23/2024_0000001272.pdf

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/02/23/2024_0000001273.pdf